A Xunta pon en valor a casa de Galicia en Bilbao no seu centenario por reivindicar a galeguidade no País Vasco
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou no acto central co gallo do centenario da entidade, integrado nun amplo programa cultural e institucional
Bilbao, 13 de xuño de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe no acto central co gallo do centenario da Casa de Galicia en Bilbao, unha entidade histórica fundada no ano 1926 e convertida desde entón nun dos grandes referentes da galeguidade no País Vasco. Durante a súa intervención, Miranda destacou “a capacidade das comunidades galegas para manter viva a nosa cultura, a nosa identidade e o sentimento de pertenza ao longo de xeracións”, agradecendo á Casa de Galicia o traballo desenvolvido durante este século “como fogar de encontro, apoio e unión para miles de galegos e galegas lonxe da súa terra”.
O secretario xeral puxo en valor o vínculo histórico entre Galicia e o País Vasco, lembrando que actualmente residen nesa comunidade máis de 34.000 persoas nadas en Galicia, e asegurou que entidades como a Casa de Galicia en Bilbao “son exemplo da Galicia aberta, traballadora e orgullosa das súas raíces”. Miranda felicitou ademais a nova directiva presidida por José Ignacio Alonso pola etapa de revitalización iniciada nos últimos meses e subliñou o compromiso da Xunta co fortalecemento das comunidades galegas no exterior, especialmente daquelas que, como a de Bilbao, “levan cen anos facendo país tamén desde fóra de Galicia”.
O acto institucional celebrado no Bilbao Arena incluíu a proxección dun vídeo conmemorativo, intervencións institucionais, a interpretación dun aurresku e do himno galego, así como diversas actividades culturais enmarcadas na programación especial polo centenario, que arrancaron o xoves e rematarán mañá.
Miranda destacou ademais que a colectividade galega no País Vasco continúa a escribir novas páxinas da súa historia, lembrando que outra entidade histórica da comunidade, o Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo, celebra este ano o seu 125º aniversario. O secretario xeral puxo en valor a fortaleza do movemento asociativo galego no País Vasco e asegurou que “estas entidades representan o mellor da galeguidade: memoria, identidade, solidariedade e compromiso co futuro”.