Medio Rural destaca a importancia da formación da rama agraria para o impulso do sector e da remuda xeracional

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, interveu hoxe na clausura do acto de graduación do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude

Lembrou que a Consellería vén de anunciar importantes novidades de cara o curso 2026-2027, como o aumento de número de prazas de novo ingreso e a incorporación do ciclo de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal na oferta do CFEA de Ribadeo

Boqueixón (A Coruña), 12 de xuño de 2026

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte,  asistiu hoxe ao acto de graduación da promoción 2024-2026 do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, no concello de Boqueixón. Na súa intervención, na clausura do acto, Alemparte destacou o traballo levado a cabo por parte do Goberno autonómico para impulsar a formación da rama agraria que, asegurou, é de gran importancia para profesionalizar o sector primario e favorecer a remuda xeracional.

Como mostra deste compromiso, Alemparte lembrou que a Consellería do Medio Rural vén de aumentar nun 5 % do número de prazas de novo ingreso para o curso 2026-2027, que ascenden a un total de 428 nos seis CFEAS dependentes da Consellería que hai repartidos polo territorio galego -Guísamo, Bergondo, Becerreá, Monforte de Lemos, Pedro Murcias (Ribadeo) e Lourizán (Pontevedra), ademais do de Sergude-. Destacou tamén a incorporación do ciclo en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal en Réxime Dual Intensivo dentro da oferta formativa do centro do CFEA Pedro Murias de Ribadeo.

Estas novidades dan resposta ao crecente interese que está a suscitar a formación da rama agraria entre a mocidade galega. Ademais, coa inclusión deste novo ciclo en Ribadeo, diversifícase a oferta formativa a nivel territorial, xa que ata o de agora só se podía cursar esta formación en Sergude.

Data de actualización: 12/06/2026