A Xunta colabora coa Fundación RIA nunha xornada sobre o futuro do deseño galego cun dos focos na artesanía

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu ao seminario 14x14 que reúne hoxe en Santiago 14 profesionais de referencia procedentes de distintos ámbitos do deseño para reflexionar sobre o futuro do sector

O encontro abordará o papel do deseño como ferramenta de transformación cultural, económica e territorial de Galicia

O evento enmárcase na exposición ‘Deseño para vivir. Material, proceso e obxectos cotiáns’ dedicada ao traballo de deseño de David Chipperfield

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026

A Fundación Artesanía de Galicia colabora coa Fundación RIA no seminario 14x14, que se celebra hoxe en Casa RIA e reúne a 14 profesionais de referencia procedentes de distintos ámbitos do deseño para reflexionar sobre o futuro do sector. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta mañá ao encontro, no que se aborda o papel do deseño como ferramenta de transformación cultural, económica e territorial de Galicia.

O Seminario 14x14 nace co obxectivo de xerar un espazo de diálogo que permita construír unha visión compartida sobre o papel do deseño na sociedade contemporánea e a súa relación co territorio, a produción, a cultura e a cidadanía. Ao longo da xornada, deseñadores, artesáns, docentes, investigadores e profesionais da comunicación participan nunha serie de conversas estruturadas arredor de nove grandes bloques temáticos: territorio como recurso, artesanía e deseño, deseño e industria, luxo e accesibilidade, formación, cultura do deseño, ecosistema do deseño en Galicia, paisaxe visual e acción pública.

As conclusións do encontro recolleranse posteriormente nunha publicación que permitirá dar continuidade aos debates e reflexións xurdidos durante a xornada.

Entre os participantes atópanse profesionais como Miguel Leiro, Cenlitros, Ismael Velo, Desescribir, D-DUE, Álex Rico, Dani Bembibre, Raquel Boo, Silvia García e os artesáns Idoia Cuesta, Ana Tenorio, Aitor Martínez e Paula Ojea, inscritos en Artesanía de Galicia.

O evento enmárcase na exposición Deseño para vivir. Material, proceso e obxectos cotiáns, dedicada ao traballo de deseño de David Chipperfield, que está aberta na sede de Casa RIA (Virxe da Cerca, 6) ata o vindeiro 30 de xuño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2026