A Xunta apoia con 700.000 euros a Coesco Deza para actuacións de transformación e comercialización de produtos agrarios
Silleda (Pontevedra), 15 de xuño de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe as instalacións de Coesco Deza, localizadas no concello pontevedrés de Silleda. Alí, destacou a importancia das axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios convocadas pola Consellería do Medio Rural, e das que esta entidade foi beneficiaria cunha achega económica de 700.000 euros, que lles permitiu construír un novo centro loxístico para aumentar a súa capacidade produtiva e de comercialización.
Balseiros puxo de relevo o compromiso do Goberno autonómico con estas achegas, ás que dende 2016 destinou algo máis de 195 millóns de euros para apoiar 614 proxectos. A convocatoria correspondente a este ano 2026 conta cun orzamento de 19 millóns de euros ata o 2028 e ten dúas liñas subvencionables, unha dirixida a investimento con obxectivos ambientais e outra centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias.