A Xunta realizará controis aleatorios de dispositivos non permitidos para garantir a igualdade de oportunidades nas oposicións de educación
A Consellería remite as instrucións para a realización das probas do proceso selectivo aos presidentes dos tribunais
Non se poderá acceder con ningún material ou aparello electrónico susceptible de ser de apoio ou consulta para a realización dos exercicios
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de remitir aos presidentes dos tribunais as instrucións para a realización das probas do proceso selectivo que comeza o vindeiro sábado. Nelas recóllese que, por primeira vez, se realizarán controis aleatorios de acceso para garantir os principios de igualdade, mérito, capacidade e transparencia, así como o correcto desenvolvemento das probas.
O obxectivo destes controis, que se poderán realizar mediante detectores de metais ou outros medios técnicos adecuados, é identificar a presenza ou utilización de dispositivos electrónicos non autorizados. Así mesmo, durante a realización dos exercicios poderá solicitarse en calquera momento a inspección dos elementos portado polas persoa examinada (calculadoras, gafas, bolígrafos, etc). A negativa a someterse ás comprobacións requiridas ou a detección de dispositivos ou materiais prohibidos poderá dar lugar á adopción das medidas previstas na convocatoria, incluída, se procede, a expulsión da persoa aspirante.
Neste sentido, as propias instrucións establecen que non estará permitida a entrada nin a permanencia nos espazos destinados á realización das probas con teléfonos móbiles, teléfonos intelixentes, reloxos intelixentes, auriculares, axendas electrónicas ou calquera outro dispositivo electrónico ou material susceptible de servir como apoio, consulta ou auxilio para a realización dos exercicios.
Só permitirá o acceso con dispositivos electrónicos ás persoas aspirantes que teñan autorizada unha adaptación de medios, na que deberá constar expresamente o dispositivo ou medio autorizado.
A mera posesión de calquera dos dispositivos ou materiais prohibidos durante o desenvolvemento da proba, independentemente de que estean ou non en funcionamento ou uso, poderá dar lugar á expulsión da persoa aspirante e á aplicación das demais consecuencias previstas na correspondente convocatoria.
A Xunta recomenda ás persoas aspirantes acudir unicamente cos obxectos estritamente necesarios para a realización do exame, dado que non se habilitará ningún servizo de custodia ou depósito de teléfonos móbiles, dispositivos electrónicos nin doutros efectos persoais nos lugares de realización das probas. Como é habitual, os bolsos, mochilas e demais pertenzas persoais deberán permanecer pechados e situarse no lugar que indique o tribunal, baixo a exclusiva responsabilidade da persoa aspirante.
Calendario e prazas
Preto de 16.000 persoas participarán desde este sábado nas oposicións de educación, nas que hai convocadas 1.601 prazas, das que case o 87%, un total de 1.388 prazas son de novo ingreso e as 213 restantes son de promoción interna, para que mestres que xa contan con praza se poidan incorporar ao corpo de profesores de ensino Secundario.
Por corpos, no de mestre hai 476 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 852 en 29 especialidades. Ademais, hai 60 prazas en cinco especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP. As 213 prazas de promoción interna abranguen 29 especialidades.
A previsión é ter as probas rematadas e cos resultados dispoñibles a partir do 19 de xullo. A continuación, as persoas que obteñan praza deberán participar no concurso de adxudicación de destinos provisionais, que se resolverá a principios do mes de agosto. O obxectivo é que os novos funcionarios se incorporen aos centros o 1 de setembro.