A Xunta salienta na Guarda o valor de iniciativas como ‘Merca no teu comercio’ no pulo ás vendas dos negocios de proximidade

A Guarda (Pontevedra), 16 de xuño de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na entrega de premios da campaña Merca no teu comercio desenvolvida na Guarda no marco da colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio. Neste contexto, subliñou o valor de accións coma esta no pulo ás vendas do comercio local, xa que con ela se percorren 40 localidades que non contan con centros comerciais abertos, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes.

Desde hoxe —ata o 30 de xuño— está en marcha unha nova campaña da iniciativa tras as realizadas en maio —onde se enmarca esta entrega da Guarda— e na primeira quincena de xuño. En todas estas campañas quincenais, que se prolongarán ata outubro, entrégase en cada caso 20 tarxetas regalo por valor de 50 €. As persoas interesadas deben rexistrar a súa compra na web www.mercanoteucomercio.com, onde poden atopar máis información sobre a campaña. Ademais, o comerciante tamén poderá deixar constancia da compra, duplicando así as posibilidades da clientela de gañar. Cómpre sinalar que en 2025 se rexistraron máis de 92.000 participacións nos distintos concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2026