Medio Rural destaca a importancia da PAC na sustentabilidade de sectores primarios coma o lácteo
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria puxo en valor esta contribución na xornada final do proxecto sobre innovación e transferencia de coñecemento en sustentabilidade para o sector agrogandeiro lácteo LakTis
Neste foro, celebrado no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, Juan José Cerviño valorou o que significa a Política Agraria Común para garantir esa sostibilidade ambiental, económica e social
Ribadeo (Lugo), 16 de xuño de 2026
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, salientou hoxe o decisivo papel da Política Agraria Común a prol da sustentabilidade do sector primario en xeral e do lácteo en particular. Foi durante a súa intervención na xornada final do proxecto sobre innovación e transferencia de coñecemento en sustentabilidade para o sector agrogandeiro lácteo (LakTis), que tivo lugar hoxe no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo.
Neste foro, Cerviño explicou en primeiro lugar o concepto de sustentabilidade, que ten unha tripla vertente: medioambiental, económica e social. No primeiro caso, desde a PAC foméntase unha actividade sostible, rexenerativa e que contribúe na loita contra a perda e o desperdicio alimentario; no caso da sostibilidade económica, os conceptos clave son a rendibilidade, a permanencia e a ausencia de sobrecargas e, por último, no ámbito social, a PAC é fundamental para promover a remuda xeracional, a fixación de poboación e a calidade de vida dos habitantes do rural.
Afondando nesta liña, o director xeral puxo en valor os ecorreximes como liña de apoio a prácticas beneficiosas para o medio ambiente e sinalou a súa incidencia para propiciar unha agricultura baixa en carbono, mediante o pastoreo extensivo, a semente directa ou as cubertas vexetais. Tamén se referiu, neste mesmo contexto, á agroecoloxía, e destacou o apoio ás illas de biodiversidade, a sega sostible, a rotación de terras de cultivo ou as especies mellorantes.
Condicionalidade reforzada
Na mesma argumentación, Cerviño analizou o concepto de condicionalidade reforzada, que son o conxunto de obrigas medioambientais, climáticas e de benestar animal que agricultores e gandeiros deben cumprir para cobrar as axudas da PAC. Sobre as achegas, centrouse tanto nas agroambientais como nas de desenvolvemento rural.
As primeiras priman tamén prácticas beneficiosas para o medio ambiente en eidos como a apicultura, o fomento e xestión de pastos, os cultivos sostibles ou a economía circular, así como tamén o ecolóxico e a conservación, tanto de razas autóctonas como de variedades vexetais.
Pola súa banda, as axudas de desenvolvemento rural son esenciais para apoiar investimentos en enerxías renovables, modernización de instalacións, tecnoloxías de agricultura de precisión e sistemas de aforro de auga. Constitúen tamén un aporte básico para mellorar servizos ou infraestruturas no rural, con especial incidencia no que atinxe á medida Leader.