Na inauguración da xornada ‘A comunicación dun Xacobeo universal’ organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia
A Xunta aposta por unha boa comunicación como garantía do éxito e a universalidade do Xacobeo 2027
O comisario do Ano Santo Xacobeo 2027 lembrou como o impacto de novelas, películas e outras accións favoreceron a chegada de peregrinos internacionais
Subliña os retos que se presentan as novas tecnoloxías coas redes sociais e a IA como ferramentas nas que conviven tradición e innovación
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026
O comisario do Ano Santo Xacobeo 2027, Marcos Gómez, participou esta mañá na inauguración dunha xornada organizada pola Asociación de Xornalistas de Santiago centrada na comunicación vinculada ao fenómeno xacobeo, onde salientou o valor e a importancia da comunicación para contribuír ao éxito do próximo Xacobeo 2027 e reforzar a proxección internacional de Galicia e do Camiño de Santiago.
Na súa intervención, Marcos Gómez referiuse á comunicación coma unha ferramenta fundamental para que o Xacobeo 2027 cumpra o seu obxectivo de chegar a públicos de todo o mundo. “Se queremos que o Xacobeo 2027, que o Camiño e que Galicia sexan un éxito, hai que comunicalos ben”, afirmou.
Neste sentido, lembrou como diferentes manifestacións culturais e comunicativas contribuíron ao longo dos anos a incrementar o interese polo Camiño de Santiago en distintos países. Referiuse así ao impacto de novelas, películas ou outras iniciativas divulgativas que favoreceron a chegada de peregrinos procedentes de mercados internacionais como Corea do Sur, Estados Unidos, Brasil ou Italia.
O comisario tamén incidiu nos cambios experimentados polo ecosistema comunicativo nos últimos anos e na necesidade de adaptarse ás novas canles dixitais. “As redes sociais cambiaron todo o que coñeciamos e temos que saber aproveitalas”, sinalou, ao tempo que destacou os retos que supón a irrupción da intelixencia artificial nun contexto no que conviven tradición e innovación.
Como exemplo, contrapuxo a imaxe do peregrino que continúa realizando o Camiño coa súa credencial física, seguindo unha tradición secular, coa nova realidade dixital na que é posible crear contidos xerados por intelixencia artificial sobre experiencias que nunca tiveron lugar.
Marcos Gómez mostrouse convencido de que o debate arredor destas cuestións resultará de grande utilidade para afrontar os desafíos comunicativos dos próximos anos e para preparar un Xacobeo que aspira a reforzar a súa dimensión internacional. “Queremos que o Xacobeo 2027 sexa un evento universal, que transcenda Galicia e nos proxecte fóra das nosas fronteiras como o que somos: Galicia Calidade”, indicou.
O encontro reuniu profesionais da comunicación, xornalistas e expertos vinculados ao fenómeno xacobeo para analizar o papel dos medios, das novas narrativas dixitais e das redes sociais na difusión do Camiño de Santiago e da marca Xacobeo.