A Xunta aproba a décima actualización do Plan básico autonómico de Galicia, que garante unha ordenación responsable e sostible do territorio

Dada a súa natureza de documento dinámico, que esixe a súa actualización periódica, a Xunta ven de aprobar unha nova actualización cartográfica do PBA

O Plan Básico Autonómico de Galicia, ou PBA, constitúe unha peza sempre viva e radiográfica das novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da comunidade autónoma

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da dirección xeral de Urbanismo, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da aprobación da décima actualización do Plan básico autonómico de Galicia (PBA).

O Plan básico autonómico de Galicia (PBA), que foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, é un instrumento de planeamento urbanístico que complementa o marco lexislativo co que o Goberno da Xunta pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible do territorio.

O PBA, que debe actualizarse cunha periodicidade mínima anual, se ben se está actualizando cunha periodicidade semestral, constitúe unha peza viva e radiográfica das novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da Comunidade Autónoma. Este documento pretende plasmar a complexa realidade da normativa sectorial e dos instrumentos de ordenación do territorio, así como identificar os asentamentos de poboación existentes.

Con este propósito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a décima actualización cartográfica do Plan Básico Autonómico (PBA) que resulta da nova información sectorial recompilada e facilitada polos organismos sectoriais competentes.

Así, nesta ocasión revísase a información relativa aos instrumentos de ordenación do territorio, ás augas, ao transporte, aos portos, ao patrimonio cultural e ao seu Catálogo, ás costas, á minaría, e aos lumes.

Asemade, inclúese nova información no apartado de transportes ao incorporar a delimitación do dominio público viario e da zona de afección da rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG) facilitada pola Axencia Galega de Infraestruturas.

Por outra banda e no tocante á infraestrutura do visor do PBA:

- Impleméntase a conexión coas seguintes infraestruturas de datos espaciais, co obxecto de que a información que se amosa no PBA estea conectada en tempo real coa que publican os organismos competentes nas súas propias webs :

- Rexistro Eólico de Galicia, no relativo ás infraestruturas dos parques eólicos en funcionamento, autorizados ou en obras na CCAA;

- Mapa de tráfico da Axencia Galega de Infraestruturas, no relativo ao trazado da Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG);

- Infraestrutura de Datos Espaciais de ADIF, no relativo ao trazado da infraestrutura ferroviaria;

- Infraestrutura de Datos Espaciais do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, no relativo aos ámbitos das Demarcacións Hidrográficas.

E amplíanse as iconas "URL" que permiten acceder ás web e bases de datos propias dos organismos sectoriais para completar a información, particularmente no tocante ao Sistema de asentamentos e aos Instrumentos de Ordenación do Territorio.

Cómpre lembrar que a aprobación do PBA supuxo o punto de partida para a formulación dos Plans básicos municipais que está a promover a Xunta en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral, e tamén serve de referencia para os Plans xerais de ordenación municipal, co fin de acadar unha ordenación responsable e sostible do territorio galego.

A documentación íntegra da décima actualización do PBA pode consultarse nas seguintes ligazóns: https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/ e https://mapas.xunta.gal/visores/pba/

Data de actualización: 17/06/2026