A Xunta autoriza a instalación dunha planta solar fotovoltaica cunha potencia de 725 kw en Lalín
A resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático supón dar luz verde ao proxecto, promovido por Hidroeléctrica de Lalín S.L.
A iniciativa, cun orzamento de 287.866 €, ten como fin de impulsar unha instalación híbrida coa actual central hidroeléctrica de Castelo, localizada no mesmo municipio
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
A Xunta acaba de outorgar autorización administrativa previa e de construción para unha instalación de produción solar fotovoltaica de 725 kilovatios (kW) de potencia instalada no concello de Lalín.
A resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático —publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia— supón dar luz verde ao proxecto, promovido por Hidroeléctrica de Lalín S.L. co fin de impulsar a súa integración coa actual central hidroeléctrica de Castelo, localizada no mesmo municipio.
Cun orzamento previsto de 287.866,44 euros, a futura planta Solar Castelo constará dunha instalación solar fotovoltaica de 725 kW de potencia e integrada por 1.320 paneis ou módulos fotovoltaicos.
As autorizacións concedidas —cuxa resolución se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia— permitirán instalar os módulos indicados e tamén as infraestruturas auxiliares necesarias para distribuír a enerxía producida, en concreto, un centro de transformación, protección, medida e control e a correspondente liña de evacuación soterrada, de 510 metros de lonxitude e que irá desde o referido centro transformador ata a liña existente á que está conectada a central hidráulica coa que se prevé levar a cabo a hibridación.
Cómpre lembrar tamén que as autorizacións administrativas previa e de construción outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras previstas no marco deste proxecto.