Medio Rural destaca o papel da innovación e da transferencia de coñecemento para reforzar a competitividade do sector agrario galego
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria salientou que a innovación “só cumpre o seu obxectivo cando chega ao territorio e se transforma en solucións útiles para os produtores”
Martín Alemparte puxo en valor o papel da rede de centros de investigación, formación e experimentación agraria da Consellería como ferramenta para conectar investigación e sector produtivo
A xornada permitiu coñecer proxectos relacionados coa valorización de recursos agrarios, a diversificación produtiva, o control biolóxico de pragas e a mellora da sustentabilidade das explotación
Salceda de Caselas (Pontevedra), 18 de xuño de 2026.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou esta mañá na xornada sobre innovación, accións de cooperación e campos de demostración celebrada na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, onde destacou a importancia da investigación aplicada e da transferencia de coñecemento para fortalecer a competitividade do sector agrario galego.
Durante a súa intervención, Alemparte subliñou que a innovación “só ten valor cando chega ao territorio e é capaz de ofrecer respostas prácticas ás necesidades dos produtores”. Nesta liña, puxo en valor o papel da rede de centros de investigación, formación e experimentación agraria dependentes da Consellería do Medio Rural, que permite trasladar ao sector os avances científicos e técnicos xerados nos distintos ámbitos de traballo da Axencia.
O director destacou tamén que boa parte desta actividade investigadora está vinculada aos recursos agrarios propios de Galicia e contribúe a reforzar unha estratexia baseada na diferenciación e na creación de valor engadido. Neste sentido, incidiu na importancia de conservar, coñecer mellor e poñer en valor as variedades vexetais autóctonas, as razas gandeiras autóctonas e outros recursos singulares que constitúen a base das producións galegas de calidade diferenciada.
A xornada permitiu coñecer diferentes proxectos e campos de demostración que exemplifican o traballo de investigación aplicada que se desenvolve desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Entre eles, presentáronse os resultados dos ensaios sobre a utilización da codia de eucalipto como substrato alternativo á turba, os estudos para mellorar o control de fungos fitopatóxenos na Faba de Lourenzá, a avaliación de tres variedades de figueira en sistemas de produción superintensiva ou a análise de novas especies con potencial para diversificar a horticultura galega.
Tamén se deron a coñecer experiencias relacionadas coa produción de cabaza cacahuete para a industria de transformación, o control biolóxico da mosca da cenoria, o emprego de auga ozonificada e outras técnicas para o control de nematodos, a utilización de acolchados vexetais para reducir os danos de limachas e caracois en cultivos hortícolas, así como diferentes iniciativas orientadas a diminuír o uso de fertilizantes químicos e a optimizar a produción ecolóxica de brotes tenros.
Visita aos campos de ensaio
Os asistentes participaron tamén nun percorrido polos campos de ensaio da Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, onde puideron coñecer de primeira man os traballos de investigación e experimentación que se están a desenvolver neste centro.
No marco da xornada, o director da Axencia quixo agradecer publicamente o traballo desenvolvido por Manolo Rivero, que estivo á fronte da Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño desde o ano 2012 ata este 2026. Do mesmo xeito, trasladou o apoio á nova directora na nova etapa que inicia á fronte da estación.
Alemparte destacou de Rivero a súa contribución á consolidación deste centro como referente da innovación e da transferencia de coñecemento ao sector agrario galego, así como o legado profesional construído ao longo destes catorce anos de dedicación ao servizo público.