Medio Rural destaca o papel das razas autóctonas como patrimonio, identidade e oportunidade de desenvolvemento para o rural galego

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou este mediodía na I Festa Gastronómica da Cachena

Durante a súa intervención, Alemparte destacou o compromiso da Consellería do Medio Rural coa conservación e promoción destas razas lembrando que existe unha liña específica de axudas dotada na súa última convocatoria con 390.000 euros

Alemparte sinalou que a cachena representa un exemplo de como a preservación dos recursos xenéticos propios pode contribuír tamén á creación de valor económico no rural, xerando produtos singulares e estreitamente vinculados ao territorio

Cualedro (Ourense), 20 de xuño de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou este mediodía na I Festa Gastronómica da Cachena, celebrada no concello de Cualedro, onde puxo en valor o papel das razas autóctonas galegas como parte esencial do patrimonio gandeiro, cultural e alimentario de Galicia.

Durante a súa intervención, destacou o compromiso da Consellería do Medio Rural coa conservación e promoción destas razas, lembrando que existe unha liña específica de apoio destinada ao seu impulso e mantemento, dotada na súa última convocatoria con 390.000 euros.

Alemparte sinalou que a cachena representa un exemplo de como a preservación dos recursos xenéticos propios pode contribuír tamén á creación de valor económico no rural, xerando produtos singulares e estreitamente vinculados ao territorio. Neste sentido, destacou que Galicia conta con figuras de calidade diferenciada como a IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega-Boi Galego, que permiten identificar e valorizar no mercado as producións cárnicas galegas, achegando maiores garantías aos consumidores e máis valor aos produtores.

O director da Axencia incidiu en que detrás destas producións existe un modelo gandeiro baseado no aproveitamento dos recursos naturais, no mantemento da actividade económica do rural e na conservación da paisaxe. Ademais, lembrou que moitas das razas autóctonas galegas, entre elas a cachena, forman parte dun sistema produtivo que contribúe á biodiversidade e ao mantemento do territorio.

Alemparte destacou tamén a importancia de iniciativas como esta festa gastronómica, que permiten achegar os consumidores á orixe dos alimentos, divulgar o patrimonio gandeiro galego e recoñecer o traballo desenvolvido polos gandeiros e gandeiras que manteñen vivas estas producións.

Finalmente, subliñou que a aposta polas razas autóctonas forma parte dunha estratexia máis ampla de valorización dos recursos propios de Galicia, baseada na diferenciación, na autenticidade e na vinculación entre produto e territorio. Unha estratexia que ten nas figuras de calidade diferenciada ferramentas fundamentais para transformar a identidade e o patrimonio agroalimentario galego en oportunidades de desenvolvemento económico e social para o medio rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2026