Villares agradece a Abanca que colabore na loita contra os incendios entregando material aos concellos do sur de Lugo

Chantada (Lugo), 25 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, agradeceu a ABANCA que colabore na loita contra os incendios forestais coa entrega de material a 13 concellos do sur da provincia,   “demostrando que este é un reto compartido e precisa do compromiso de toda a sociedade e das entidades que cren no futuro do noso rural”.

ABANCA e Afundación doaron kits de extinción aos concellos de Quiroga, Pantón, A Pobra de Brollón, Sober, Ribas de Sil, Monforte de Lemos, Chantada, O Saviñao, Carballedo, Bóveda, Paradela, Taboada e Portomarín. Villares sinalou que estas ferramentas “poden marcar a diferenza nos primeiros minutos e evitar que un pequeno foco se converta nun gran incendio”.

O delegado explicou que a Xunta destina este ano máis de 213 millóns de euros ao Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), o que supón  un incremento do 18 % respecto ao ano anterior.

Igualmente, destacou que máis do 95% dos concellos galegos adheríronse ao convenio con Seaga proposto polo Goberno galego para a xestión de biomasa nas faixas secundarias. Entre outros aspectos, o acordo inclúe un  orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que no convenio anterior -100 millóns ata 2029-; a axilización das execucións subsidiarias cando os propietarios non cumpran as súas obrigas, e o aumento do número de parroquias priorizadas nun 75% (de 157 a 276).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2026