A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, selou esta tarde en San Caetano esta colaboración co alcalde, Alejandro Lorenzo Alonso

A Xunta asina co Concello do Porriño o convenio para a mellora urbana, paisaxística e de accesibilidade do parque Alcalde Ordóñez, que suporá un investimento total de máis de 485.000 €

Trátase de transformar o espazo existente —actualmente pouco funcional— nun parque seguro, plenamente accesible, confortable climaticamente e cunha identidade paisaxística vinculada ao territorio

A Xunta, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas, asume o 70% do orzamento, máis de 340.000 euros, contratará e executará as obras

As obras enmárcase no Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta co se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais como motores de dinamización

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo Alonso, asinaron hoxe  o convenio para executar as obras de mellora urbana, paisaxística e de accesibilidade do parque Alcalde Ordóñez. Na sinatura do acordo en San Caetano tamén estivo  a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

A actuación, que suporá un investimento conxunto de  algo máis de 485.000 euros, ten como obxectivo transformar o espazo existente —actualmente pouco funcional— nun parque seguro, plenamente accesible, confortable climaticamente e cunha identidade paisaxística vinculada ao territorio.

Esta actuación, que se desenvolverán ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, serán financiadas nun 70%  polo departamento que dirixe M. Allegue, con máis de 340.000 euros, e contratará e executará as obras.

O Concello do Porriño achegará o 30% restante do custo das actuacións (145.601,44€), e corresponderalle o mantemento e conservación.

 A actuación

O ámbito de actuación ocupa 2.210 m² na intersección da rúa Antonio Palacios coa rúa Tarela, conformando un rueiro triangular. O estado actual presenta un parque pechado, con pouca visibilidade desde o exterior, pavimentos deteriorados, accesos non adaptados e escasa iluminación.

Para iso, as actuacións a executar se propoñen incrementar a seguridade de uso, abrindo visuais e eliminando puntos mortos, e garantirán a accesibilidade universal no conxunto do parque mediante itinerarios continuos e ramplas adecuadas.

Na intervención, tamén se reforzará o dosel arbóreo xerando sombra natural e mellorando o confort térmico, e aumentarase a permeabilidade do chan mediante pavimentos drenantes e subbases recicladas.

Ademais, integraranse elementos de auga que actúen como reguladores térmicos e tamén espazos de xogo ou contemplación.

Reutilizaranse e reciclaranse os materiais existentes, especialmente pedra e áridos, reducindo o impacto ambiental e reforzando a identidade local vinculada ao granito do Porriño.

En definitiva, o proxecto a executar integrará o parque como unha bisagra verde urbana, conectando transversalmente tecidos urbanos e reforzando a rede ecolóxica municipal.

A través de liñas de colaboración cos concellos como o Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2026