Rueda destaca que a nova Estratexia de Biotecnoloxía de Galicia busca incrementar un 20% o número de empregos no sector ata chegar aos 7.000
Resalta que, cun orzamento de 805 M€, tamén axudará a ampliar o número de investigadores, o investimento privado e a internacionalización das empresas
Salienta que Galicia xa conta cun sector sólido e maduro e que, con esta folla de ruta, búscase converter á comunidade nunha biorrexión referente en Europa
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que, entre os obxectivos principais da nova Estratexia da Biotecnoloxía en Galicia, está a incrementar nun 20% os empregos no sector para chegar aos 7.000 en 2030 así como ampliar un 15% o número de investigadores neste eido e acadar os 1.600.
Durante a presentación da Estratexia da Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, na que estivo acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente definiu o documento como “unha visión compartida de país”, as “vimbias para facer este gran cesto do que vai ser o horizonte biotecnolóxico de Galicia os próximos cinco anos”.
Rueda tamén asegurou que a biotecnoloxía é un eido con moito futuro, apostando pola colaboración público-privada para avanzar cara unha Galicia “máis forte, sostible e competitiva”, convertendo á comunidade “nunha biorrexión referente en toda Europa”.
Ademais de incrementar o número de traballadores e investigadores do sector, a Estratexia -dotada dun orzamento de 805 millóns de euros- ten a meta de ampliar ata 200 as entidades e empresas que operan en Galicia, incrementar un 30% a facturación anual, duplicar o investimento privado ou consolidar a internacionalización con novos mercados.
Para iso, a folla de ruta cara 2030 inclúe axudas directas para proxectos de I+D+i en biotecnoloxía, unha aceleradora de empresas ou o Biopolo da Sionlla, en Santiago, que actuará como polo de atracción para instalar novas infraestruturas e compañías vencelladas a este eido.
Rueda salientou que neste campo Galicia “leva vantaxe” e que “en pouco tempo situouse nunha posición punteira”, contando cun sector sólido e maduro. Segundo lembrou o presidente, é un sector que en Galicia engloba 162 empresas -das que máis de 60 son 100% biotecnolóxicas-, 5.600 traballadores, unha facturación anual de 2.000 millóns de euros e que está a desenvolver proxectos punteiros para mellorar a seguridade agroalimentaria, avanzar na conservación do medio mariño ou dotar á industria farmacéutica e cosmética de produtos máis sostibles.