A Xunta apoia con máis de 1,5 M€ a cinco empresas tecnolóxicas que desenvolven produtos e servizos innovadores

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de Recuperación de Excelencia Neotec, que rescata proxectos de pemes galegas que quedaron fóra do financiamento estatal

Cada peme tecnolóxica recibirá ata un máximo de 325.000 euros ata 2028

As iniciativas seleccionadas reflicten o potencial do emprendemento tecnolóxico galego, con proxectos que combinan a intelixencia artificial, novos materiais, biotecnoloxía ou simulación avanzada

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026

A Xunta de Galicia apoia con máis de 1,5 M€ a cinco empresas tecnolóxicas que desenvolven solucións innovadoras con alto potencial de mercado. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da Axencia Galega de Innovación, acaba de resolver a convocatoria de Recuperación de Excelencia Neotec mediante a que o Goberno galego rescata proxectos de empresas galegas que se presentaron á convocatoria estatal pero que quedaron fóra por insuficiencia de crédito. O obxectivo da Xunta é financiar estas iniciativas, que destacan pola súa calidade, para facelas viables e evitar que decaian por falta de apoio.

As cinco empresas beneficiarias desta convocatoria, cun perfil innovador e tecnolóxico, contan co Selo Neotec e destacan pola súa especialización en ámbitos de coñecemento avanzado e pola súa orientación ao desenvolvemento de solucións innovadoras con alto potencial de mercado. Son compañías de recente creación, constituídas entre os anos 2022 e 2024, con sede social ou centro de traballo en Galicia e con capacidade para transformar coñecemento científico e tecnolóxico en novos produtos e servizos.

Cada unha das pemes seleccionadas nesta convocatoria recibirán ata un máximo de 325.000 euros ata 2028. Todas elas superaron os limiares mínimos de avaliación do programa Neotec do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), na súa convocatoria de 2025.

No seu conxunto, estas iniciativas reflicten a diversidade e o potencial do emprendemento tecnolóxico galego, con proxectos que combinan a intelixencia artificial, novos materiais, biotecnoloxía e simulación avanzada para dar resposta a retos tecnolóxicos vinculados aos sectores estratéxicos STEP (Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa) e contribúen á xeración de actividade económica de alto valor engadido.

Unha das novidades desta convocatoria é, precisamente, a financiación de proxectos STEP, relacionados con tecnoloxías críticas: desde biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou tecnoloxías cuánticas, eidos que promove Europa e que son tamén ámbitos de especialización prioritarios para Galicia, tal e como establece o Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027.

As compañías apoiadas nesta convocatoria son:

  • Slimop Space: Con sede en Nigrán, desenvolve telescopios espaciais innovadores mediante o uso de estruturas optomecánicas ultralixeiras e novos materiais.
  • Sedna International Institute: Situada en Gondomar, aplica a intelixencia artificial ao ámbito financeiro para impulsar modelos de investimento ético e sostible.
  • Sortcell Analytica: Adícase ao desenvolvemento de tecnoloxías de biopsia líquida para o illamento de células tumorais circulantes, con aplicación na medicina personalizada. Ten sede en Vigo.
  • Nsilica Simulation Technologies: Localizada en Nigrán, desenvolve ferramentas de simulación biomecánica e intelixencia artificial para mellorar o deseño e a avaliación de próteses e implantes.
  • Corpus Computacional Biomechanics: Aplica a intelixencia artificial e a simulación avanzada para xerar xemelgos dixitais anatómicos da columna vertebral que faciliten a planificación cirúrxica e a toma de decisións clínicas. Ten sede en Viveiro.
Data de actualización: 12/11/2026