A Xunta destaca o Club de produto Galicia Suroeste como exemplo de como a produción agroalimentaria xera novas oportunidades para o rural

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural participou hoxe na presentación desta iniciativa promovida pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste

Tomiño, (Pontevedra), 26 de xuño de 2026

 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación do Club de Produto Galicia Suroeste, unha iniciativa promovida pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste, a cal cualificou como un exemplo de como a produción agroalimentaria xera novas oportunidades para o rural.

Na súa intervención, Alemparte destacou que o sector agroalimentario galego é estratéxico para o desenvolvemento das contornas rurais, xa que non só produce alimentos de calidade, senón que tamén xera emprego, riqueza e contribúe á dinamización doutros sectores económicos, como o turismo.

O director da Axencia lembrou que Galicia conta con 36 selos de calidade diferenciada, ademais da agricultura ecolóxica e da artesanía alimentaria, figuras recoñecidas pola Unión Europea que garanten a autenticidade, a calidade, a trazabilidade e a orixe dos alimentos. Salientou que os produtos de calidade diferenciada non só identifican un alimento, senón tamén un territorio, converténdose na súa mellor carta de presentación. Ademais, engadiu que contribúen a conservar as variedades vexetais, as razas autóctonas, os sistemas tradicionais de produción e un saber facer acumulado durante xeracións, que constitúe unha das principais fortalezas do rural galego.

Neste sentido, sinalou que iniciativas como o Club de Produto Galicia Suroeste permiten transformar esa riqueza agroalimentaria nun recurso turístico diferencial, xerando novas oportunidades para os produtores e contribuíndo á dinamización económica e social do rural.

Data de actualización: 26/06/2026