O presidente reuniuse coa Federación Empresarial de Aserraderos y Rematentes de Madera de Galicia (Fearmaga)

Rueda reafirma o compromiso da Xunta co sector madeireiro

Resaltou a importancia do Plan director da industria forestal-madeira 2026-2028

Subliña a importancia de traballar conxuntamente en retos como o impulso da construción pública con madeira ou a incorporación de avances tecnolóxicos

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo unha reunión coa directiva de Fearmaga, na que estivo acompañado do director xeral da Axencia Galega de Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos. Nela, o presidente da Xunta manifestou o compromiso do seu Executivo co sector madeireiro.

Neste sentido, puxo en valor distintas actuacións levadas a cabo nestes anos, como as liñas de axudas que permiten financiar a restauración das infraestruturas da Rede Natura 2000 ou o investimento de 13 millóns de euros en catro anos a través da Axencia Galega de Infraestruturas para o deseño de proxectos e a execución das obras de conservación de pontes e obras de paso da Rede Autonómica de Estradas de Galicia.

Ademais, o presidente resaltou a importancia da recente aprobación no Consello da Xunta do Plan director da industria forestal-madeira 2026-2028, dotado con preto de 114 millóns de euros e integrado por 88 medidas dirixidas a consolidar Galicia como referente nacional e internacional no sector.

Rueda tamén subliñou a importancia de que o sector e as administracións traballen conxuntamente nos retos que se presentan actualmente, como dar un maior impulso á construción pública con madeira, o apoio á investigación e innovación con novos materiais e a incorporación dos avances tecnolóxicos tanto nos procesos de transformación como na construción.

Actualmente, o sector forestal galego supón o 1,7% do PIB da comunidade, con 3.300 empresas e 19.400 afiliados á Seguridade Social. Ademais, lidera a produción forestal en España cunha facturación de case 2.500 millóns de euros e as exportacións superan os 1.200 millóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2026