Maria José Gómez salienta o labor desenvolvido polos Africores como un traballo primordial no control do rendemento leiteiro e da mellora xenética

A conselleira do Medio Rural sinalou que o traballo destas entidades ten unha influencia directa no sector lácteo galego, recoñecido pola boa saúde e calidade da súa cabana

Lembrou que a Consellería do Medio Rural conta cunha liña de achegas específica para o control do rendemento leiteiro ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización destas tarefas en Galicia, que contan cun orzamento dun millón de euros

Lugo, 29 de xuño de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o labor desenvolvido polos Africores, e definiuno como un traballo primordial no control do rendemento leiteiro e da mellora xenética. Destacouno hoxe durante a súa intervención na entrega de premios ás mellores gandarías da provincia organizada por Africor Lugo.

Seguindo esta liña, Gómez sinalou que o traballo destas entidades ten unha influencia directa no sector lácteo galego, recoñecido pola boa saúde e calidade da súa cabana. Así, o control do rendemento leiteiro actúa como base da mellora xenética nos esquemas de selección; pero tamén dende o punto de vista da sustentabilidade e rendibilidade económica das explotacións.

Neste sentido, lembrou que a Consellería do Medio Rural conta cunha liña de achegas específica para o control do rendemento leiteiro ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización destas tarefas en Galicia, que contan cun orzamento dun millón de euros. María José Gómez explicou que con esta liña de apoios quérese compensar en parte, mediante axudas proporcionais, os gastos xerados a estas entidades, atendendo aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema. 

Así, as actividades subvencionables a realizar polas entidades beneficiarias son todas aquelas destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.

Recoñecemento ás mellores gandarías da provincia de Lugo

Por outra banda, a conselleira trasladou os seus parabéns ás gandarías premiadas nesta gala que, asegurou, poñen de relevo o bo facer dos traballadores do sector primario galego, que contribúen a consolidar o liderado da nosa comunidade como unha potencia láctea no ámbito nacional e europeo.

Así, lembrou que Galicia produce o 42 % do leite do país e concentra máis da metade das explotacións leiteiras de toda España. Ademais, a nosa comunidade sitúase entre as dez primeiras rexións europeas en produción de leite.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2026