A Xunta apoia con máis de 250.000 euros a futura aula gastronómica da praza de abastos de Boiro a prol da difusión da calidade dos produtos locais
Boiro (A Coruña), 30 de xuño de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no acto de presentación da futura aula gastronómica que se prevé habilitar na praza de abastos da localidade. Esta actuación conta cun apoio autonómico de máis de 251.000 euros no marco da convocatoria de axudas deste ano para dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como mercados excelentes. En concreto, este espazo será complementario e nel prevese impulsar formación e divulgar e promocionar produtos locais.
Con ese fin, o proxecto abarca a adaptación do espazo con reformas menores co foco posto en impulsar a relación directa entre os produtores, os praceiros e os usuarios e en visibilizar os procesos de elaboración do produto. Neste sentido, o director xeral puxo en valor os apoios da Xunta enfocados a promover este tipo de accións e subliñou que se enmarcan no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Esta folla de ruta abarca outras actuacións para consolidar as prazas de abastos como puntos neurálxicos da comercialización de produtos frescos de proximidade e como centros de actividades complementarias que contribúen á dinamización do territorio no que se asentan as prazas de abastos.