Medio Rural destina máis de 370.000 euros no desenvolvemento de tres pasteiros nos concellos de Maceda, Montederramo e Xunqueira de Espadanedo
Cunha superficie superior ás 30 hectáreas, en todos se levaron a cabo traballos de preparación do terreo, construción de novas infraestruturas e de acondicionamento para o benestar do gando
Os tres pasteiros están incluídos dentro do Plan de Pastos de Galicia, mediante o cal se levaron a cabo 106 pastos dende o ano 2020 por toda a comunidade
Maceda (Ourense), 30 de xuño de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou hoxe o concello de Maceda, Montederramo e Xunqueira de Espadanedo, onde puido ver os traballos realizados nos tres pasteiros, desenvolvidos en cadanseu concello, nos que se investiron máis de 370.000 euros en conxunto.
No caso do pasteiro de Maceda, pertencente ao monte veciñal en man común de Baldrei, Rodicio e Somoza, conta cunha extensión de 10,5 hectáreas. A súa implantación supuxo un investimento superior aos 140.000 euros. Entre as tarefas realizadas atópanse a roza mecanizada, gradeo, encalado, abonado e sementeira. Asemade, levouse a cabo a construción dun peche gandeiro no perímetro das parcelas do pasteiro, cunha lonxitude de 1.880 metros, a instalación de tres portas e dunha manga de manexo, e o subministro de dous bebedoiros.
En Montederramo, o pasteiro abrangue unha superficie de 11,4 hectáreas no monte veciñal en man común de Retorta. Nel investíronse preto de 140.000 euros para o seu desenvolvemento, que incluíu a construción dun peche gandeiro cunha lonxitude de 2.092 metros e, a maiores, a colocación de tres portas e de dous pasos canadenses, así como unha manga de manexo.
Por outra banda, o pasteiro do monte veciñal en man común de Carbuíz, A Celareira, Espadanedo, O Mato, Obellariza e San Pedro, no concello Xunqueira de Espadanedo, conta con 8,14 hectáreas e un investimento de máis de 90.000 euros. Instalouse un peche gandeiro de 1.448 metros, dúas portas e subministrouse un bebedoiro.
Balseiros sinalou a relevancia deste tipo de traballos para o desenvolvemento do rural galego, destacando as vantaxes que ten para a conservación da biodiversidade e dos ecosistemas agroforestais, contribuíndo ao coidado da gandaría en extensivo e, tamén, á prevención dos incendios forestais.
Plan de pastos de Galicia
A creación destes pasteiros enmárcanse dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento global de cerca de 15 millóns de euros.