Medio Rural inicia a primeira fase das catas de Galicia e reúne a máis de medio cento de expertos para premiar a excelencia das elaboracións galegas

Esta etapa desenvolverase ata o vindeiro 6 de xullo e avaliaranse un total de 462 mostras pertencentes a 152 empresas acollidas a algunha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida vitivinícola, de augardentes e licores tradicionais

Cada DO conta co seu propio panel de cata integrado por oito expertos que avalían cada viño, prestando atención aos matices visuais, olfactivo e gustativos; de forma totalmente anónima, garantindo así a imparcialidade e o rigor en todo o proceso

A precata dos licores e augardentes tradicionais desenvolverase a semana que vén e as mostras serán valoradas por sete especialistas en destilados, entre os que se atopan adegueiros, sumilleres e técnicos do sector

Boqueixón (A Coruña), 1 de xullo de 2026.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á primeira fase da edición 2026 das Catas de Galicia. Trátase da precata, que se desenvolverá entre hoxe e o vindeiro 6 de xullo no Pazo de Quián (Boqueixón), na que se reúne a máis de medio cento de expertos do sector para determinar, mediante cata cega, as mostras que accederán ás sesións finais do certame, coas que se recoñecerá a excelencia das elaboracións galegas. Nesta edición avaliaranse un total de 462 mostras pertencentes a 152 empresas acollidas a algunha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida vitivinícola, de augardentes e licores tradicionais.

No eido vitivinícola participan un total de 142 adegas que aportan 305 mostras de viño branco e 124 de tinto. En relación coas augardentes e licores tradicionais, concorren no certame 10 empresas con 33 mostras. Estes datos reflicten a elevada participación do sector e consolidan as Catas de Galicia como o principal certame oficial de recoñecemento á excelencia dos viños, augardentes e licores tradicionais galegos. 

Segundo indicou o director, cada DO conta co seu propio panel de cata integrado por oito expertos que avalían cada viño, prestando atención aos matices visuais, olfactivos e gustativos, de forma totalmente anónima, garantindo así a imparcialidade e o rigor en todo o proceso. A precata dos licores e augardentes tradicionais desenvolverase a semana que vén e as mostras serán valoradas por sete especialistas en destilados, entre os que se atopan adegueiros, sumilleres e técnicos do sector. 

Catas finais a partir do 7 de xullo

Unha vez rematada a fase de precata, accederán ás catas finais as mostras mellor puntuadas en cada categoría. Estas sesións celebraranse os días 7, 8 e 9 de xullo e serán avaliadas por un panel de 12 catadores de prestixio, encargado de determinar os mellores viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia. Finalmente, outorgaranse os acios de ouro, prata e bronce en cada unha das categorías do certame. 

Un concurso ao servizo da excelencia vitivinícola galega

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria destacou que a XXXVIII Cata dos Viños, a XXVIII Cata das Augardentes e a XV Cata dos Licores Tradicionais constitúen unha das principais ferramentas de promoción da calidade diferenciada galega, ao recoñecer o traballo das adegas e destilerías que apostan pola excelencia, a autenticidade e o cumprimento rigoroso dos pregos de condicións das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

 Seguindo esta liña, sinalou que o certame pretende demostrar, dentro e fóra das nosas fronteiras, que as variedades autóctonas de uva, o territorio e o compromiso dos seus profesionais son os piares que sitúan os viños, as augardentes e os licores tradicionais galegos entre os produtos de maior prestixio do sector vitivinícola e reflexo desa Galicia Calidade pola que somos recoñecidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2026