Medio Rural publica a declaración de utilidade pública de tres reestruturacións parcelarias en Agolada
Trátase das de Agra-O Sexo-Val de Sangorza; Basadre-Eidián-Ramil; e A Baíña-Berredo-Órrea e abranguen en conxunto preto de 4.500 hectáreas, distribuídas en algo máis de 25.000 parcelas
A Consellería mantén a súa aposta por impulsar zonas de reestruturación parcelaria e, por iso, este ano destina 16,7 M€ para seguir avanzando neste sentido
A previsión é rematar 25 parcelarias antes do 2028 e iniciar os trámites para decretar sete novas reestruturacións neste 2026, entre as que se atopan estas de Agolada
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se declaran de utilidade pública tres reestruturacións parcelarias correspondentes a outras tantas zonas do concello pontevedrés de Agolada. Trátase das de Agra-O Sexo-Val de Sangorza; Basadre-Eidián-Ramil; e A Baíña-Berredo-Órrea, que en total abranguen preto de 4.500 hectáreas, distribuídas en algo máis de 25.000 parcelas. Deste xeito dáse un impulso clave ao desenvolvemento destes procesos, que foron solicitados polos propios veciños interesados.
En concreto, a parcelaria de Agra-O Sexo-Val de Sangorza acada unha superficie de 1.479 hectáreas, distribuídas nunhas 10.681 parcelas que teñen unha superficie media de 1.385 m². No caso da de Basadre-Eidián-Ramil, a superficie é de 1.525 hectáreas distribuídas nunhas 4.492 parcelas cunha superficie media de 3.395 m². Por último, a de A Baíña-Berredo-Órrea ten unha superficie de 1.487 hectáreas. Neste caso o terreo distribúese nunhas 9.835 parcelas que abranguen de media 1.512 m².
Impulso ás zonas de reestruturación parcelaria
A Consellería mantén a súa aposta por impulsar zonas de reestruturación parcelaria e, por iso, este ano destina 16,7 millóns de euros para seguir avanzando neste sentido. No que vai de 2026 entregáronse os títulos dos procesos de Pereiro-Oirás (Alfoz) e de Xanceda-Mesía II (Mesía), que forman parte das 25 parcelarias que está previsto rematar antes do ano 2028. Así mesmo, prevese iniciar os trámites para decretar sete novas reestruturacións neste 2026, entre as que se atopan estas tres de Agolada.
Dende o ano 2020, a Xunta rematou un total de 39 concentracións parcelarias, que abranguen unha superficie total de máis de 27.000 hectáreas e beneficiaron a preto de 20.460 propietarios.
Este labor súmase ao pulo que se vén dando a outros instrumentos de mobilización previstos na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as permutas de especial interese agrario.
Ligazóns ao decretos no DOG:
Basadre-Eidián-Ramil:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260702/AnuncioG0426-260626-0003_gl.html
Agra-O Sexo-Val de Sangorza:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260702/AnuncioG0426-260626-0002_gl.html
Baíña-Berredo-Órrea:
' title='https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260702/AnuncioG0426-260626-0001_gl.html">'>https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260702/AnuncioG0426-260626-0001_gl.html">https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260702/AnuncioG0426-260626-0001_gl.html