Belén do Campo destaca en Melide o papel dos traballos preventivos dos distritos forestais para reducir o risco de incendios
A delegada da Xunta visitou hoxe os traballos de prevención a través de desbroces e da ampliación dun cortalume que o persoal do Distrito Forestal III Santiago-Meseta Interior está a desenvolver no Concello de Melide
Melide (A Coruña), 2 de xullo de 2026.
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou hoxe os traballos de prevención que o persoal do Distrito Forestal III Santiago-Meseta Interior está a desenvolver no concello de Melide, onde se está a executar o desbroce e a ampliación dun cortalumes mediante tractor de arrastre. Este distrito engloba a 22 concellos das comarcas de Melide, Arzúa, Ordes e Santiago
A actuación céntrase nun cortalumes situado entre monte de titularidade particular e o monte veciñal de Folladela, co obxectivo de reforzar esta infraestrutura preventiva e mellorar a súa eficacia fronte ao risco de incendios forestais.
Durante a visita, Belén do Campo destacou que este tipo de intervencións resultan “esenciais para facer un monte máis seguro”, ao crear zonas de descontinuidade da vexetación que dificultan a propagación do lume e facilitan, no caso de producirse un incendio, o labor dos equipos de extinción.
A representante do Goberno galego puxo en valor o traballo que desenvolven ao longo de todo o ano os profesionais dos distritos forestais, incidindo en que a prevención constitúe unha das ferramentas máis eficaces para diminuír o impacto dos incendios. Neste sentido, agradeceu o compromiso do persoal do Distrito Forestal III Santiago-Meseta Interior, encargado de executar actuacións que contribúen á conservación do monte e á protección das persoas e dos seus bens.
Belén Do Campo lembrou que, ademais da apertura e mantemento de cortalumes, os equipos dos distritos realizan numerosas tarefas de prevención como rozas, conservación de pistas forestais, acondicionamento de puntos de auga para a extinción, traballos silvícolas e queimas prescritas.
A delegada subliñou tamén que, aínda que unha parte importante das actuacións preventivas corresponde ás persoas propietarias dos terreos, a Xunta mantén un importante esforzo investidor para executar actuacións de carácter público que complementan esas obrigas e reforzan a protección do territorio.
Neste contexto, lembrou que o Executivo galego incrementou este ano nun 50 % os recursos destinados á prevención dos incendios forestais, ata alcanzar un investimento de 75,38 millóns de euros. Este reforzo permitirá actuar ao longo de 2026 sobre preto de 34.000 hectáreas en toda Galicia mediante distintas actuacións de silvicultura preventiva.
“A prevención require unha planificación permanente e un traballo continuado durante todo o ano”, sinalou Belén do Campo, quen incidiu en que anticiparse ao risco mediante actuacións sobre o territorio permite reducir a carga de combustible vexetal, mellorar os accesos ao monte e incrementar a capacidade de resposta ante posibles lumes.
Uso maquinaria forestal
Belén Do Campo lembrou que o pasado 29 de xuño publicouse unha orde que regula o emprego de maquinaria forestal durante o período de alto risco de incendio (do 1 de xullo ao 30 de setembro), e para o caso de cando en que o IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio Forestal) sexa moi alto ou extremo.
O Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) é unha ferramenta baseada no sistema canadense Fire Weather Index (FWI) que permite estimar a intensidade que podería acadar un incendio forestal en función das condicións meteorolóxicas e do estado da vexetación. Canto maior é o valor do índice, maior é a intensidade potencial do lume e, en consecuencia, máis complexas resultan as tarefas de extinción. Para calcular este índice analízanse de forma conxunta os principais factores que condicionan o comportamento do lume. Entre eles figuran as condicións de seca acumuladas durante os últimos meses, que determinan o estado de turgencia dos matogueiros; a seca das últimas semanas e días, que inflúe na humidade dos pastos e dos combustibles mortos de tamaño medio e groso; as condicións actuais de temperatura e humidade, que afectan especialmente aos combustibles mortos finos; e a velocidade do vento, un dos elementos clave na propagación dos incendios. O cálculo do IRDI baséase en catro variables meteorolóxicas: a temperatura do aire, a humidade relativa, a velocidade do vento e a precipitación acumulada nas últimas 24 horas.
Deste xeito, permítese a realización de actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola que requiran a utilización de maquinaria dentro dos terreos forestais e as súas zonas de influencia, nos termos e coas recomendacións establecidos na actualización do Pladiga 2026, que detalla unha serie de recomendacións no capítulo do plan preventivo. A maiores, no caso de ter que desenvolver estes traballos na franxa horaria entre as 12.00 e as 18.00 horas, será preciso ter en conta dúas indicacións.
En primeiro lugar, haberá que contar cunha persoa que poida exercer de observador para que, en caso de detectar algún posible conato, dea aviso de xeito inmediato aos servizos de emerxencia a través das canles telefónicas do 085 e o 112, ou mediante a aplicación móbil de ALume. En segundo lugar, tamén terán que dispoñer dun depósito de auga cunha capacidade mínima de 400 litros, un extintor de escuma con base de auga de polo menos seis quilogramos, dous batelumes e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros.
Por tanto, o obxectivo desta regularización no período de alto risco, e en caso de IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio Forestal) moi alto ou extremo é, en definitiva, dar seguridade no uso desta maquinaria, que en último termo significa favorecer a propia prevención de incendios. É dicir, permítese a utilización destes aparellos, pero cunhas determinadas cautelas nas horas centrais do día.