Medio Rural segue a avanzar na colaboración coas comunidades de montes veciñais para reforzar a prevención de incendios forestais

Para facelo, están a desenvolverse diversas accións formativas dirixidas a estes axentes, e nas que ten participado o director xeral de Defensa do Monte, co fin de trasladarlles a importancia da súa implicación fronte ao lume

Deste xeito, procúrase ampliar a outras zonas de Galicia o proxecto piloto impulsado coa Mancomunidade de Montes do Baixo Miño para colaborar na detección temperá nos montes desta entidade, baixo o nome de Ollos no monte

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2026.

A Consellería do Medio Rural segue a avanzar na súa aposta por afondar na colaboración coas comunidades de montes veciñais en man común en materia de prevención de incendios forestais. Para facelo, están a desenvolverse diversas accións formativas dirixidas a estes axentes, e nas que ten participado o director xeral de Defensa do Monte, co fin de trasladarlles a importancia da súa implicación fronte ao lume. Deste xeito, procúrase ampliar a outras zonas da comunidade o proxecto piloto impulsado coa Mancomunidade de Montes do Baixo Miño para colaborar na detección temperá dos lumes nos montes desta entidade, baixo o nome de Ollos no monte.

No marco desta iniciativa as mancomunidades poden organizar equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nos montes da súa contorna durante a temporada de verán, co obxectivo de reducir o risco e mellorar a capacidade de resposta ante conatos, axilizando así os avisos ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta.

Cómpre salientar que a intervención temperá reduce tanto a superficie afectada como posibles danos económicos ou ambientais e, neste sentido, a colaboración cidadá, neste caso das comunidades de propietarios, consolídase como unha parte fundamental da resposta integral ante un incendio forestal.

Este tipo de proxectos supoñen un avance máis na cooperación entre a Xunta e as comunidades de montes veciñais en man común para reforzar o labor preventivo e de detección temperá que xa desenvolve o propio dispositivo autonómico, e que constitúe un dos eixos centrais do seu traballo, xunto coa extinción, a investigación ou a formación profesional, entre outros ámbitos.

Accións formativas polo territorio

Baixo a premisa de expandir este proxecto a outras zonas da comunidade, xa se levaron a cabo xornadas formativas nas localidades de Fornelos de Montes, Lobios e Verín, e que tiveron unha moi boa acollida entre os axentes implicados. Nas xuntanzas participaron representantes das comunidades de montes, asociacións veciñais, de caza e profesionais do sector gandeiro, o que pon de manifesto a importancia de implicar a todas as persoas que viven e traballan do medio rural nunha estratexia común de prevención.

As sesións son impartidas por axentes ambientais da Unidade de Directores de Extinción (UDEX) e nelas abórdanse cuestións vencelladas con medidas preventivas e de autoprotección á poboación, a ter en conta no caso de producirse un incendio forestal. Explicóuselles tamén aos asistentes a organización do dispositivo en caso de lume e  incidiuse na importancia da participación e o apoio das comunidades de montes veciñais en man común nesta loita.

Cabe sinalar que este tipo de accións piloto serán obxecto de avaliación e análise para orientar futuras iniciativas, incorporando as achegas dos distintos colectivos implicados, co obxectivo de que a experiencia adquirida sirva para deseñar as vindeiras edicións. Así, poderase partir dunha estratexia compartida entre a veciñanza, as persoas propietarias e os colectivos que traballan na defensa e posta en valor do monte galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2026