Belén do Campo participa na inauguración da nova tenda de Arroupa Moda Re e destaca o seu papel como referente de economía circular e social

A Xunta puxo en valor o labor de Cáritas Diocesana por impulsar proxectos que combinan inclusión social, sustentabilidade e creación de emprego

A Coruña, 3 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron na inauguración da nova tenda de Arroupa Moda Re, promovida por Cáritas Diocesana onde puxo en valor este proxecto como un exemplo de que a economía pode ser unha ferramenta para transformar vidas, favorecer a inclusión social e avanzar cara a un modelo de consumo máis sostible.

A delegada da Xunta destacou o extraordinario labor que Cáritas Diocesana desenvolve cada día á beira das persoas que máis o necesitan. Neste sentido, puxo en valor o labor de Cáritas Interparroquial da Coruña “como un magnífico exemplo dese compromiso desenvolvendo programas de atención social, apoio a familias, formación e inserción laboral, acompañamento a persoas maiores e proxectos de economía social que axudan a recuperar oportunidades de vida”.

Así mesmo, agradeceu o compromiso dos voluntarios, profesionais e colaboradores que fan posible estas iniciativas e reafirmou o apoio do Gobierno galego a proxectos que contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva, cohesionada e comprometida coas persoas.

Durante o acto, a representante do Goberno galego felicitou a Cáritas Diocesana e ao equipo de Arroupa polo traballo que desenvolven desde hai anos, destacando que cada nova tenda representa “moito máis ca un establecemento comercial”, ao converterse nun espazo que ofrece oportunidades laborais a persoas en situación ou risco de exclusión social e promove, ao mesmo tempo, a reutilización do téxtil e a economía circular.

A delegada incidiu en que Arroupa constitúe un referente da economía social en Galicia ao combinar unha dobre dimensión social e ambiental: dar unha segunda vida á roupa e ofrecer unha segunda oportunidade ás persoas. Neste sentido, lembrou que a actividade da entidade permite transformar un residuo nun recurso con valor mediante a recollida, clasificación, preparación para a reutilización e reciclaxe do residuo téxtil, contribuíndo á redución de residuos, ao aforro de materias primas e á diminución das emisións de CO₂.

Así mesmo, destacou que detrás deste proxecto hai persoas que atopan unha oportunidade para formarse, adquirir experiencia laboral, recuperar a confianza e incorporarse ao mercado de traballo. Como mostra da eficacia deste modelo, subliñou que arredor do 80 % das persoas que forman parte do cadro de persoal de inserción conseguen posteriormente acceder ao mercado laboral ordinario.

A representante da Xunta tamén puxo en valor o amplo labor social que desenvolve Cáritas Diocesana de Santiago, cunha rede integrada por 321 Cáritas parroquiais e cinco Cáritas interparroquiais, así como a súa aposta pola economía social a través das empresas de inserción Arroupa e Arredonda.

No caso de Arroupa, lembrou que conta xa con cinco tendas en Galicia —A Coruña, Santiago de Compostela, Carballo, Pontevedra, e Vilagarcía de Arousa— dedicadas á recollida, preparación para a reutilización e reciclaxe do residuo téxtil.

A delegada reafirmou o compromiso da Xunta con este tipo de iniciativas, tanto mediante o financiamento parcial dos custos salariais das persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión contratadas nestas empresas como a través de axudas destinadas ao funcionamento da entidade, á súa xestión e ao financiamento do persoal técnico de orientación.

Finalmente, a delegada animou á cidadanía a apostar polo consumo responsable e a achegarse á nova tenda, lembrando que cada compra dunha peza de segunda man contribúe a reducir o consumo de materias primas, o gasto de auga, as emisións de gases de efecto invernadoiro e a xeración de residuos, ao tempo que apoia un proxecto que reinviste os seus beneficios na creación de emprego e na inclusión social.

A representante da Xunta concluíu agradecendo o labor das persoas traballadoras, do voluntariado, do equipo directivo e de Cáritas Diocesana por demostrar que é posible un modelo empresarial que sitúa ás persoas no centro, coida do medio ambiente e contribúe a construír unha Galicia máis inclusiva, sostible e con máis oportunidades.

Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo en valor o novo establecemento como unha aposta polo emprego inclusivo, pola economía circular e por un consumo responsable, destacando que a empresa de inserción Arroupa recibe apoio da Xunta para garantir a súa actividade. Destacando que os valores que promove a entidade son os mesmos que impulsa a 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027 —coa que se persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital—, recordou a maiores que a entidade foi recoñecida co Premio Comercio Sostible 2025 pola súa capacidade para integrar inclusión social, inserción laboral e actividade comercial, cun impacto positivo tanto social como ambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2026