Martina Aneiros salienta o traballo da Asociación Fomento Forestal de Monfero na loita contra os lumes

A delegada territorial da Xunta en Ferrol destacou as campañas de vixilancia e patrullas disuasorias que organiza cada ano a entidade

Monfero (A Coruña), 8 de xullo de 2026

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, xunto á directora territorial da Consellería do Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou hoxe a oficina de Fomento Forestal, unha asociación de produtores de madeira sen ánimo de lucro que leva operando preto de 20 anos no Concello de Monfero.

Alí, acompañada do presidente de Fomento Forestal, Francisco Calaza, Aneiros puido coñecer de preto o traballo da entidade, que presta servizos de xestión do aproveitamento integral dos montes (dende a venda da madeira ata a repoboación), ou tramitación de acordos de xestión con terceiros, entre outros. Ademais, tamén organizan xornadas informativas, charlas e excursións relacionadas co sector forestal.

A delegada quixo destacar o labor desta entidade durante os meses de maior risco de incendios forestais, durante os que realizan campañas de vixilancia e patrullas disuasorias con brigadas de voluntarios, “que axudan en gran medida á protección do monte, algo especialmente importante nas zonas rurais, onde os veciños poden verse máis ameazados polos lumes”, destacou a delegada, salientando que, “a prevención dos incendios forestais é unha prioridade para o Goberno galego. 

Neste sentido, sinalou que a Xunta incrementou nun 50 % o orzamento destinado á prevención dos incendios forestais con respecto ao exercicio anterior, acadando os 75,38 millóns de euros. Grazas a este investimento, está previsto actuar ao longo de 2026 en preto de 34.000 hectáreas en toda Galicia mediante diferentes actuacións silvícolas e preventivas.

Novas axudas para equipamento

A representante autonómica lembrou tamén que, ata o 15 de xullo, está aberta a convocatoria das novas axudas autonómicas para facilitarlles aos concellos a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais. A medida conta cunha dotación superior ao millón de euros, cofinanciado con fondos Feder, e vai destinada ás localidades de ata 30.000 habitantes que poderán recibir un máximo de 30.000 euros por proxecto.

Os investimentos subvencionables con estas nova liña de apoio, que non poden estar adquiridos antes da presentación da solicitude de axuda, comprenden maquinaria, vehículos lixeiros e especiais e as súas adaptacións destinados ás brigadas de protección do ambiente e do espazo natural para a execución de tarefas específicas de prevención de lumes forestais. Cos vehículos e maquinaria adquirida, os concellos poderán realizar actividades de limpeza e roza de espazos e zonas verdes en bordes de estradas, contornas de núcleos de poboación e espazos naturais como medidas preventivas fronte aos incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2026