María José Gómez valora o papel das cooperativas agrarias para mellorar a capacidade de negociación, acceder a tecnoloxía e ofrecer servizos
A conselleira do Medio Rural participou en Taboada na xornada de convivencia da cooperativa Aira, onde subliñou o carácter “esencial” destas entidades para o futuro do rural galego
Reiterou o apoio da Xunta ás cooperativas, puxo de relevo as súas grandes cifras e lembrou que detrás delas están os propios profesionais e as súas familias
Insistiu en que o leite galego ten que acadar un prezo axeitado, que cubra os custos de produción máis unha marxe de beneficio para os gandeiros, e incidiu en que a Xunta leva tempo traballando nesta liña e pedindo cambios na Lei da cadea estatal
Taboada (Lugo), 10 de xullo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que as cooperativas agrarias desempeñan un papel “esencial” para o futuro do rural galego. Foi durante a súa intervención na xornada de convivencia da cooperativa Aira, celebrada en Taboada e na que salientou que estas entidades permiten gañar forza, mellorar a capacidade de negociación, acceder a tecnoloxía de vangarda e ofrecer servizos integrais que axudan aos produtores a afrontar os retos que teñen por diante.
Por todas estas razóns, sinalou Gómez, a Xunta seguirá apoiando este tecido asociativo, e máis tendo en conta que detrás das cooperativas están os propios profesionais e as súas familias. Nesta liña, a conselleira subliñou que Aira, en concreto, “é un bo exemplo de que cando se traballa xuntos, o campo galego ten máis forza e máis futuro”.
Neste mesmo sentido, a titular de Medio Rural puxo en valor as grandes cifras que definen esta cooperativa, que agrupa actualmente uns 3.000 agricultores e gandeiros socios, repartidos en máis de 90 concellos de toda Galicia, cunha importante presenza na provincia lucense e cun cadro de persoal de máis de 340 traballadores, distribuídos en 17 centros. Con todo, Gómez matizou que “máis alá das cifras ou instalacións, hai persoas”. Referiuse así aos socios, ás familias e aos traballadores “que co voso esforzo facedes que este proxecto siga adiante” e cualificou a cooperativa como “xente que se une, que se apoia para camiñar na mesma dirección”.
Retos de futuro para o sector
Con respecto aos retos de futuro para o sector, a conselleira insistiu en que o leite galego ten que acadar un prezo axeitado, que cubra os custos de produción máis unha marxe de beneficio para os gandeiros, e incidiu en que a Xunta leva tempo traballando nesta liña, tanto a través de multitude de contactos co sector como reclamando unha modificación do paquete lácteo e da Lei da cadea a nivel estatal, para reforzar a posición negociadora dos produtores.
En relación coa Política Agraria Común, reiterou a defensa que fai o Goberno galego dunha nova PAC o máis próxima posible á nosa realidade, con recursos suficientes e garante do desenvolvemento rural; e recordou, neste sentido, as xestións realizadas en Bruxelas, diante do comisario de Agricultura da UE, para trasladarlle en primeira persoa as necesidades de Galicia e a súa posición diante deste importante reto para o agro europeo, español e galego.
Neste mesmo contexto, outro reto avaliado por Gómez foi o da remuda xeracional e, en relación con este obxectivo, sostivo que é preciso seguir creando condicións que fagan atractiva a actividade agrogandeira, pois -advertiu- “necesitamos que haxa mozos e mozas que vexan no sector unha oportunidade de vida e de futuro”. Un aspecto este no que tamén puxo de relevo a aportación do modelo cooperativo.