A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes desta asociación
A Xunta e Circularis avalían vías de colaboración en materia de xestión de residuos
Ángeles Vázquez incidiu no compromiso do Goberno galego de apoiar os concellos para que melloren a xestión dos seus residuos para avanzar no cumprimento da normativa estatal e europea nesta materia
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá con representantes de Circularis para avaliar posibles vías de colaboración entre a Xunta e esta asociación sen ánimo de lucro en materia de xestión de residuos.
Durante o encontro, a delegación de Circularis -formada polo seu presidente, Ricardo López de Haro; o seu director xeral, David Redoli; a súa vocal, Pilar Tur, así como polo CEO de Valoriza, José María Pena- explicou á conselleira o seu obxectivo de mellorar o posicionamento e a interlocución do sector de residuos municipais en España.
De feito, esta asociación nace da alianza entre FCC, Urbaser, PreZero e Valoriza co fin de promover a mellora e o adecuado desenvolvemento do tratamento de residuos nun momento clave para o cumprimento dos obxectivos de prevención, reutilización, reciclado e valorización dos refugallos.
Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu no compromiso do Goberno galego de apoiar os concellos para que melloren a xestión dos seus residuos para avanzar no cumprimento da normativa estatal e europea nesta materia. De feito, vén de publicarse a resolución das axudas convocadas este ano neste senso e que supuxeron un investimento de 5,1 millóns de euros para financiar 170 actuacións en 83 administracións locais.
Ademais, desde 2018 a Xunta leva destinados preto de 40 millóns de euros a centos de iniciativas municipais dirixidas a mellorar a xestión de residuos, modernizar a rede de puntos limpos, promover a compostaxe, fomentar a reutilización e reforzar a recollida separada, en liña coa normativa europea.