A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta mañá ao sorteo destes fogares
Allegue destaca que o sorteo hoxe de 18 vivendas públicas na Coruña inclúe por primeira vez os novos limiares de renda activados pola Xunta
Sorteáronse ante notario 14 vivendas públicas en Xuxán e 4 froito da rehabilitación dun edificio na rúa San Andrés, 88, todas en alugueiro accesible
Xa se considerou o aumento do limiar máximo de renda ata 4 veces o Iprem, 4,5 en familias numerosas, co fin de que máis persoas opten á vivenda pública
No caso das vivendas de Xuxán, o 40% destinarase a alugueiro entre menores de 36 anos, e nas de San Andrés, serán todas para persoas desa franxa de idade
Allegue avanzou que á volta do verán a Xunta realizará máis sorteos, xa que actualmente están máis de 1.000 vivendas en marcha na cidade de A Coruña
A Coruña, 14 de xullo de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destaca que o sorteo hoxe de 18 vivendas públicas na Coruña inclúe por primeira vez os novos limiares de renda activados pola Xunta. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta mañá a este procedemento.
Neste acto, que tivo lugar no edificio administrativo da Xunta, sorteáronse 14 vivendas públicas no barrio de Xuxán e outras 4 froito da rehabilitación dun edificio na rúa San Andrés, 88, na Coruña, destinadas a alugueiro accesible.
O sorteo realizouse ante notario e levouse a cabo entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda. Ademais, xa se considerou o aumento do limiar máximo de renda ata 4 veces o Iprem, 4,5 en familias numerosas, unha nova medida do Goberno galego para facilitar o acceso de máis persoas á vivenda pública.
No caso das vivendas de Xuxán, o 40% destinaranse a alugueiro entre menores de 36 anos, mentres que no caso das 4 de San Andrés, serán todas para persoas desa franxa de idade.
Cómpre lembrar que tras este sorteo haberá un prazo de 10 días para presentar alegacións, logo verificarase o cumprimento dos requisitos e posteriormente publicarase a listaxe definitiva.
Avanzou que á volta do verán a Xunta realizará máis sorteos, xa que actualmente están máis de 1.000 vivendas en marcha na cidade de Coruña.