A Xunta recibe 11 ofertas para redactar o proxecto para construír 40 vivendas públicas na rúa das Cunchas de Sanxenxo

Estas novas vivendas, que serán de dous dormitorios, construiranse en solo cedido de xeito gratuíto polo Concello de Sanxenxo

Os fogares adxudicaranse en alugueiro a persoas menores de 36 anos inscritas no Rexistro Único de demandantes de vivenda

A Xunta tamén construirá outras 25 vivendas públicas en Noalla, noutra parcela cedida pola Administración local

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026

A Xunta recibe 11 ofertas para redactar o proxecto para construír 40 vivendas públicas na rúa das Cunchas de Sanxenxo. Este contrato foi licitado por importe de 306.000€.

Os traballos do equipo de arquitectura adxudicatario do concurso consistirán na redacción da proposta de nova ordenación da parcela, na redacción dos proxecto de construción e  urbanización  e na dirección das obras correspondentes.

Estas novas vivendas, que serán de dous dormitorios, construiranse en solo cedido de xeito gratuito polo Concello de Sanxenxo.

Os futuros fogares adxudicaranse en alugueiro entre persoas menores de 36 anos inscritas no Rexistro Único de demandantes de vivenda, que sexan residentes ou que traballen no concello, facilitando así a súa emancipación. 

Froito tamén da cooperación co Concello, a Xunta tamén construirá outras 25 vivendas públicas en Noalla, noutra parcela cedida pola Administración local.

Esta promoción insírese no compromiso da Xunta de duplicar o parque público de vivenda, chegando a un total de 8.000 fogares, antes do remate de 2028, que se converterán en 10.000 no ano 2030. Con tal fin, xa están en diversas fases de execución 4.000 novas vivendas de promoción pública.

Data de actualización: 14/07/2026