A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da empresa Alén Space
Lorenzana destaca que medio cento de empresas galegas resultaron beneficiarias da primeira liña de axudas para certificacións no sector da defensa
Trátase de empresas de ámbitos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva
Esta liña de apoios é unha das medidas que o Goberno galego está a desenvolver dentro da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e o Aerospazo onde teñen un peso significativo os acordos de asociación, aos que a Xunta vai destinar 40 M€ para grandes proxectos de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia
Afirma que Galicia segue marcando fitos no sector aeroespacial grazas a compañías como Alén Space
Nigrán (Pontevedra), 14 de xullo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que un total de 52 empresas resultaron beneficiarias da primeira convocatoria de axudas da Xunta para obter certificacións como subministradoras para o sector da seguridade e a defensa, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros.
Nunha visita ás instalacións da empresa Alén Space, Lorenzana explicou que se trata de empresas de ámbitos tan diversos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva. Isto, engadiu, demostra o interese da industria galega por diversificarse cara a este mercado.
A maioría das solicitudes foron para a implantación de sistemas de xestión da calidade (46); seguida da inscrición para obter o certificado do Rexistro de Empresas da Dirección Xeral de Armamento e Materiais (24); para a obtención de autorizacións de seguridade (17); a homologación de sistemas ou produtos (15); e para participar en convocatorias nacionais ou europeas (10).
A conselleira explicou que esta liña de apoios é unha das medidas que o Goberno galego está a desenvolver dentro da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e o Aerospazo (Iesda) onde, por outra banda, tamén teñen un peso significativo os acordos de asociación que onte mesmo aprobou o Consello da Xunta.
Neste aspecto, recordou que o Goberno galego vai destinar 40 millóns de euros para atraer a Galicia grandes proxectos industriais en materia de seguridade, defensa e aeroespazo e que a licitación se realizará mediante a fórmula da Compra Pública Precomercial, unha medida pioneira en España.
A través desta actuación, a Xunta busca impulsar novas capacidades industriais e atraer grandes proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico que leven asociada a fabricación en Galicia para xerar valor engadido, investimento produtivo e emprego cualificado.
O obxectivo, dixo Lorenzana na visita, é incrementar as capacidades industriais nestes sectores co deseño de novas solucións que aínda non están no mercado e dando prioridade a que se fabriquen en Galicia. A previsión é poder chegar a conformar entre dous e 15 consorcios empresariais e aprobar a adxudicación no primeiro semestre de 2027.
Sobre Alén Space, Lorenzana manifestou que “é dese grupo de empresas galegas que están despuntando tanto a nivel internacional dentro do sector do aeroespazo e que tan boas noticias nos están dando”. “O sector aeroespacial en Galicia suma e segue grazas ao talento de todo este ecosistema de empresas tecnolóxicas que ten aquí, en Nigrán, unha base moi importante”, concluíu.