O presidente da Xunta participou na entrega de premios do certame Catas de Galicia
Rueda destaca o sector vitivinícola como exemplo representativo da Galicia calidade e peza esencial dun rural vivo e produtivo
Agradeceu o esforzo e talento das empresas que recibiron esta tarde os recoñecementos polos seus viños, augardentes e licores
Comprometeu o apoio da Xunta aos produtores, ás denominacións de orixe e ao impulso turístico das comarcas vitivinícolas
Lugo, 14 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o sector vitivinícola como exemplo representativo da Galicia Calidade, e valorou que constitúe tamén unha peza esencial dun rural vivo e produtivo.
Así o sinalou esta tarde durante a súa participación na entrega de premios do certame Catas de Galicia, organizado pola Xunta e que recoñece os mellores viños, augardentes e licores da comunidade autónoma. No acto tamén participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Nesta edición recibíronse 462 mostras, correspondentes a 152 empresas, a maioría de viño. Máis de medio cento de expertos participaron nas precatas e nas catas finais, que contaron cun panel final de 12 profesionais de recoñecido prestixio vinculados á enoloxía.
Na súa intervención, Rueda recoñeceu o esforzo e talento de todas as empresas participantes e, nomeadamente, das que foron recoñecidas hoxe cos galardóns. Así, sinalou que todos estes produtos non só representan un valor económico, senón que tamén son parte da imaxe exterior de Galicia, un atractivo turístico e contribúen a fixar poboación no rural e cohesionar o territorio.
Por iso, o presidente da Xunta comprometeu o apoio da Xunta a un sector que ten moito futuro. Neste sentido, citou os máis de 12 M€ en axudas que se invisten este ano para a elaboración e promoción de produtos vitivinícolas, ou para a modernización dos viñedos; as axudas ás denominacións de orixe; ou as iniciativas de impulso turístico, como a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas, ou o Plan Enogastronómico de Galicia.