O delegado da Xunta en Lugo e o alcalde de Baralla abordan proxectos e investimentos de interese para o concello

Villares destacou as actuacións en materia de infraestruturas viarias, coas obras de acondicionamento da LU-710 a piques de finalizar e a mellora da LU-621, vía de conexión con Láncara, en proceso de adxudicación

Baralla (Lugo), 15 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, reuniuse hoxe co alcalde de Baralla, Miguel González, para abordar diferentes proxectos en marcha e futuras iniciativas para desenvolver no municipio.

Villares resaltou os investimentos para mellorar as infraestruturas viarias, con importantes actuacións que está a impulsar a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas en dúas estradas autonómicas.

Así, na LU-710 ao seu paso por Baralla está a piques de finalizar a obra de acondicionamento do treito de 4,5 quilómetros que conecta a N-VI coa autoestrada A-6. Os traballos teñen un orzamento de 2,3 millóns de euros e atópanse na fase final de execución, apuntou Villares.

Así mesmo, está en proceso de adxudicación o reforzo do firme da vía LU-621 entre A Pobra de San Xiao (Láncara) e Baralla. O Goberno galego destina 655.300 euros para actuar en 7,7 quilómetros da estrada.

O delegado tamén salientou o impulso ao emprego a nivel local, co financiamento dunha nova edición do obradoiro dual Via Künig, que está en marcha en Baralla, As Nogais e Becerreá.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financia con 492.500 euros a iniciativa, que ofrece formación teórica e práctica relacionada co sector da construción a unha vintena de persoas desempregadas.

Villares visitou Baralla no marco da rolda de xuntanzas institucionais que está a manter cos alcaldes e alcaldesas lucenses, para reforzar a cooperación administrativa no impulso de iniciativas que beneficien á provincia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2026