A Xunta publica novas resolucións das axudas para a transformación e modernización de frotas de transporte de viaxeiros e de mercadorías
O Diario Oficial de Galicia recolle as resolucións de ambas as liñas, que suman case 80 subvencións concedidas entre decembro e xuño por preto de 1,7M€
Na convocatoria publicada en 2022 destinada a axudas para a transformación de frotas, o crédito inicial de case 13M€ incrementouse en varias ocasións ata os 35M€, mentres que a orde de 2023 dirixida á modernización acada os 6,2M€
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a relación das axudas concedidas pola Xunta tanto na orde de transformación como na de modernización de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada entre decembro e xuño deste ano. Entre ambas resolucións suman case 80 subvencións concedidas nestes meses por importe de case 1,7 millóns de euros.
Por unha parte, no que se refire ás axudas á transformación, destináronse neste período 1,4 millóns de euros a 34 actuacións para avanzar na descarbonización do transporte galego. Estas axudas abranguen cinco liñas de actuación diferentes: o achatarramento de vehículos, a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos, o retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.
Neste período de decembro de 2025 a xuño de 2026, rexistrouse unha nova concesión na liña de achatarramento de vehículos con cargo aos fondos dos PGE por valor de 10.000 euros. Paralelamente, o groso do procedemento nesta resolución concéntrase na liberación de recursos procedentes de renuncias ou perdas de dereito de expedientes anteriores por un importe acumulado de máis de 1,4 millóns de euros (máis de 328.100 euros en achatarramento MRR; máis de 909.300 euros en adquisición de vehículos MRR; 69.000 euros en achatarramento PGE e 120.000 euros en adquisición de vehículos PGE).
Este feito débese a que estas axudas se atopan próximas ao seu peche, de xeito que desde o 30 de novembro de 2025, para fondos PRTR, e desde o 30 de abril de 2026, para fondos con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado , non cabe admitir nova documentación xustificativa da actuación subvencionable por parte dos beneficiarios e, polo tanto, tampouco emitir novas resolucións de concesión.
Trátase da décimo terceira publicación en relación cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 30 de marzo de 2022 que regula estas axudas, que teñen como obxecto favorecer a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes no transporte por estrada. A medida contou cun crédito inicial de case 13 millóns de euros que, ante a boa acollida da iniciativa, foise incrementado en catro ocasións ata acadar un total de case 35 millóns.
A convocatoria enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, agás a cuarta e última ampliación dos fondos, que se realizou a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado, por catro millóns de euros. No DOG reflíctense de forma diferenciada as partidas orzamentarias correspondentes a cada fonte de financiamento.
Achegas á modernización das frotas
Por outra parte, a Xunta concedeu entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de xuño de 2026 outras 44 axudas para a modernización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, cun orzamento de 270.000 euros, no marco da convocatoria lanzada en abril do 2023 e dirixida a autónomos e Pemes do sector, dotada con máis de 6,2 millóns de euros.
O obxectivo da iniciativa é incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.
Así, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta novena quenda 38 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración, dúas destináronse á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión, outras dúas para á implantación de sistemas TMS/ERP e unha a mellorar o sistema de ticketing.
Unha vez ditada esta resolución de concesión da axuda, o beneficiario recibirá un cheque moderniza, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. No suposto de presentar dúas solicitudes para dúas categorías diferentes, recibirá dous cheques moderniza. O prazo máximo para a formalización dos Acordos de Prestación de Solucións de Modernización é de tres meses desde a notificación da resolución de concesión.
Ao igual que as axudas para a transformación da frota, esta orde dirixida a favorecer a modernización e dixitalización tamén está impulsada pola Xunta no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.