María José Gómez salienta as boas previsións de cara á vendima 2026 nas cinco denominacións de orixe e a aposta pola calidade e prestixio dos viños galegos

A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións de Bodegas Ladairo, situadas no concello de Oímbra, a cal está inscrita dentro da DO Monterrei

Detallou que os consellos reguladores estiman que a produción pode roldar os 81 millóns de quilos, o que suporía un récord absoluto, sempre e cando as condicións meteorolóxicas se manteñan como ata agora

Reafirmou o seu compromiso co sector vitivinícola galego, que se traduce nun investimento anual de arredor de 12 millóns de euros a través de diferentes liñas de axuda

Oímbra (Ourense), 16 de xullo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou as boas previsións de cara á tempada de vendima deste ano nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas e a aposta de Galicia pola calidade e o prestixio dos seus viños. Fíxoo durante a súa visita a Bodegas Ladairo, situada no concello ourensán de Oímbra, na que detallou que os consellos reguladores estiman que a produción pode roldar os 81 millóns de quilos, o que suporía un récord absoluto, sempre e cando as condicións meteorolóxicas se manteñan como ata agora.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; puxo en valor que a meteoroloxía rexistrada ata o momento favorecen esta previsible colleita abondosa. No caso concreto da DO Monterei, á que pertence Ladairo, resaltou que se agarda bater un novo récord de produción ao chegar a uns 8,5 millóns de quilos.

Con respecto ao resto das DO, na Rías Baixas agárdase un cantidade de uva recollida similar á do ano pasado, mentres que tanto Ribeiro, como Ribeira Sacra e Valdeorras estiman que se superará a colleita do 2025. En canto ao tempo de inicio, a conselleira explicou que continúa a tendencia a adiantar a tempada de vendima e na maioría das DO será a mediados do mes de agosto, con excepción de Monterrei, onde se espera que sexa a finais do próximo mes ou a principios de setembro.

A maiores, puxo en valor que a fortaleza do sector vitivinícola galego reside na calidade dos seus viños, amparados por estas denominacións de orixe. Neste senso, o principal reto pasa por seguir xerando valor a través desa excelencia, a diferenciación e o prestixio dos nosos produtos vitivinícolas.

A maiores, a titular de Medio Rural reafirmou o seu compromiso co sector vitivinícola galego, que se traduce nun investimento anual de arredor de 12 millóns de euros a través de diferentes liñas de axuda. Entre elas destacas as achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo; de transformación e comercialización de produtos vitivinícolas; de promoción en terceiros países ou a liña para a conservación paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.

Tamén resaltou o apoio á promoción co Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado este ano cun orzamento de 10 millóns de euros, dous millóns máis que no ano 2025. O seu obxectivo é reforzar a promoción destas producións, entre elas o viño, incrementar o seu posicionamento nos mercados e seguir xerando valor para os produtores e para o conxunto do rural galego.

Bodegas Ladairo

A empresa Bodegas Ladairo é unha das 30 adegas que forman parte da DO Monterrei e a cal conta cunha produción superior aos 600.000 litros de viño, tanto branco como tinto. Actualmente conta cunha superficie de viñedo de máis de 20 hectáreas na comarca de Monterrei.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2026