O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse recentemente en Vilalba con representantes do Grupo Forma-t

A Xunta destaca o labor de entidades como Forma-t a prol da cualificación conectada coas necesidades de talento do tecido empresarial

González salienta o potencial das instalacións e equipos desta empresa especializada na formación en sectores como o eólico, marítimo ou forestal, que facilitan a práctica de distintas tarefas e a simulación de situacións que se poden dar no eido laboral

Salienta a aposta do Goberno galego por un modelo formativo flexible, á carta das empresas, máis áxil e orientado á inserción laboral e a importancia da escoita activa para a mellora continua das políticas activas de emprego

Neste ámbito da formación para o emprego destacan apoios con prazo de solicitude aberto como os destinados a Accións Formativas para persoas Desempregadas (60 M€) e os do Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas (8,5 M€)

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, reuniuse recentemente con representantes do Grupo Forma-t para analizar as vías de colaboración no ámbito da formación axustada ás necesidades do tecido empresarial co fin de optimizalas. Neste encontro tamén se puxo de relevo a aposta do Goberno galego por un modelo formativo flexible e que atenda ás demandas de man de obra das empresas.

Alí, o conselleiro puxo de manifesto o labor de entidades como o Grupo Forma-t neste ámbito e salientou o potencial das instalacións e equipos desta empresa especializada na formación en sectores como o eólico, marítimo ou forestal e con sede en Vilalba. Unhas dotacións que facilitan a práctica de distintas tarefas e a simulación de situacións que se poden dar no ámbito laboral co fin de fortalecer a cualificación do alumnado en conexión co que precisa o tecido produtivo.

Ademais, González salientou a importancia de reunións de escoita activa coma esta para a mellora continua das políticas activas de emprego e a prol dun modelo formativo máis áxil e orientado á inserción laboral. Con ese fin, a Xunta conta con distintos apoios tanto de persoas ocupadas como desempregadas.

Entre eles, os destinados a accións formativas para persoas desempregadas (AFD), unha iniciativa que foi redeseñada para reforzar a súa eficacia e do que a edición deste ano está aberta cun orzamento total de 60 M€ tras ser ampliado en 20 M€ debido á súa alta demanda. Outra iniciativa neste ámbito, tamén con convocatoria de axudas aberta, é Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas, destinada as empresas ou centros acreditados para impartir formación profesional en Galicia, como Forma-t. A ela destínanse 8,5 M€ para o período 2026-2027 e permitirá cualificar persoas desempregadas con accións formativas directamente demandadas polo tecido produtivo e cun compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado participante.

Nesta xuntanza tamén se puxo de manifesto a demanda trasladada en distintas ocasións por parte da Xunta ao Goberno central dunha maior flexibilidade na xestión dos fondos de formación para o emprego. Tamén a necesidade de que teñan en conta as particularidades de cada comunidade autónoma, co fin de adaptalos mellor ás necesidades do mercado laboral galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2026