O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe na clausura do ‘Encontro da Toxa 2026: Galicia, ante unha nova realidade’
A Xunta pon en valor a Estratexia galega de captación de talento en beneficio do emprendemento e o emprego
Apostando pola colaboración público-privada, José González destaca a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio ou a Galicia Retorna que avoga por atraer os residentes no exterior ao mercado laboral galego, por conta propia ou allea
Celebra as máis de 150 adhesións á Rede Ultreia a prol do emprendemento e os arredor de 6.800 proxectos asesorados na Rede de polos, así como as cifras históricas de desemprego acadadas no pasado mes de xuño en Galicia
Pon de relevo medidas para avanzar na cobertura de vacantes como as feiras de emprego no Brasil, o programa Retorna Cualifica ou a orde de impulso á rehabilitación de vivenda destinada a traballadores en concellos de menos de 20.000 habitantes
Tras a clausura do evento, o conselleiro asistiu ao xantar e ao acto no que fixo entrega do Premio Empresario Galego do Ano 2026 a Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC)
O Grove (Pontevedra), 17 de xullo de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na clausura do Encontro da Toxa 2026: Galicia, ante unha nova realidade, onde puxo en valor a estratexia da Xunta de captación de talento en beneficio do emprendemento e o emprego. Destacando este foro que tratou durante dous días conceptos como a internacionalización, a innovación, a sostibilidade, o liderado e a anticipación económica, avogou pola colaboración público-privada para abordar os retos do mercado laboral, como o mantemento dos negocios estratéxicos para cada territorio e a cobertura de vacantes.
Na súa intervención, o conselleiro avogou por acompañar as empresas, as persoas emprendedoras e as autónomas para que sigan xerando riqueza, emprego e dinamismo económico na Comunidade. Nesa liña, referiuse á futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, que incidirá tanto na creación de novos proxectos como na continuidade dos existentes que forman parte da identidade das vilas e comarcas, tomando como fío condutor a Rede de polos que leva atendido uns 6.800 proxectos no conxunto de Galicia, dos que arredor de 2.000 corresponden á provincia de Pontevedra.
Nese senso, destacou tamén as máis de 150 adhesións á Rede Ultreia para mellorar o acompañamento e o impacto das políticas públicas relacionadas co emprendemento ou os apoios autonómicos que inciden en aspectos claves como a remuda xeracional. Tanto neste capítulo como no da cobertura de vacantes, José González apostou por potenciar a forza laboral interna e, ao mesmo tempo, pola apertura á captación de talento, cun foco prioritario no retorno dos galegos do exterior.
Captación de talento
O titular de Emprego salientou que Galicia está a desenvolver un modelo propio co foco no retorno da emigración, a través da Estratexia Galicia Retorna, e cun segundo eixe na captación ordenada de talento de terceiros países, especialmente de América Latina. Con ese pano de fondo, aludiu a iniciativas como a última convocatoria do programa Retorna Cualifica Emprego, coa que se agarda que 200 persoas galegas residentes no estranxeiro poidan regresar a Galicia a desenvolver a súa vida e a súa traxectoria profesional.
Segundo apuntou, o modelo autonómico para sumar talento inclúe outras accións como as feiras de emprego que se celebraron o pasado mes de xuño no Brasil, con notable éxito de participación e de cobertura dos postos que ofertaban as empresas participantes. Outro fito clave, engadiu, é a primeira orde para rehabilitar vivendas destinadas a persoas traballadores en concellos de menos de 20.000 habitantes.
O conselleiro enmarcou estas accións nun contexto no que Galicia está a acadar cifras históricas de emprego, co nivel de paro máis baixo de toda a serie histórica no pasado mes de xuño, tamén no caso da provincia de Pontevedra. Concluíu apelando ao Diálogo Social para abordar todos e cada un dos retos do mercado laboral, da man do empresariado e dos representantes das persoas traballadoras.
Cómpre engadir que, tras a clausura do evento, o representante autonómico asistiu ao xantar e ao acto no que fixo entrega do Premio Empresario Galego do Ano 2026 a Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC).