A conselleira María José Gómez visitou esta tarde o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Lourizán

Medio Rural destaca o éxito de matriculacións nos seus centros de formación agraria de cara o próximo curso

A conselleira María José Gómez avanza que o centro de formación de Lourizán acada preto do 91 % de cobertura no seu ciclo de Xestión Forestal, o Pedro Murias de Ribadeo rolda o 82 % no superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal e outros, como Sergude ou Becerreá, tamén teñen moi bos datos

Pontevedra, 17 de xullo de 2026.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou esta tarde o éxito de matriculación nos ciclos formativos da rama agraria de cara ao vindeiro curso 2026-2027. Así, segundo sinalou, houbo 659 solicitantes para un total de 428 prazas e 236 delas están xa comprometidas, entre matrículas formalizadas e reservas. Desta forma, indicou a conselleira, apréciase o interese que está a espertar o rural galego e trasladou ademais que “a formación é a matriz do impulso económico, tamén no rural”.

Gómez salientou estas cifras nunha visita ao Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Lourizán, en Pontevedra, na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, así como do director do centro formativo, Juan Antonio Ortega. A titular de Medio Rural subliñou que, precisamente, Lourizán é o CFEA cos mellores resultados, xa que os seus dous ciclos representan os maiores niveis de cobertura, cun 90,9 % no de Xestión Forestal e por riba do 81 % no de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.

Asemade, tal e como explicou Gómez, no centro Pedro Murias de Ribadeo o novo ciclo superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal acada xa preto do 82 % de cobertura, con 18 alumnas e alumnos, entre matrículas formalizadas e reservas, para un total de 22 prazas.

No que atinxe ao CFEA de Sergude, en Boqueixón, os seus ciclos de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal teñen unha cobertura de máis do 77 %, e o centro de Becerreá rexistra tamén unha evolución satisfactoria, cunha cobertura do 68 % no seu ciclo de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, e próxima ao 60 % no de Xestión Forestal.

Tendencia moi favorable

En calquera caso, aínda que estas cifras non son definitivas, si son indicativas dunha tendencia moi favorable, destacando tamén que se están dando pasos cara adiante na continua incorporación de mulleres a sectores produtivos do rural. Así, nos últimos cinco cursos académicos os CFEA de Medio Rural formaron 2.746 persoas, das cales o 41,4 % foron mulleres e o 58,6 % homes.

A maiores, Gómez reafirmou a aposta da Xunta pola formación agraria como un dos alicerces sobre os que se sustenta a vía para garantir a remuda xeracional no rural galego. Unha política que, engadiu, aposta tamén polo fomento da actividade, con axudas para a mocidade e os novos activos que deciden incorporarse e tamén con iniciativas coma o Banco de Explotacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2026