A Xunta destaca o seu apoio ao sector vitivinícola e ás iniciativas que dinamizan a economía do rural na Festa do Viño de Meaño
María José Gómez participou na inauguración deste evento, na que destacou a importancia deste tipo de celebracións para xerar cohesión social nestas zonas
Puxo en valor o percorrido desta festa e o traballo detrás de cada edición, que este ano conta con 22 adegas do municipio participantes
A conselleira destacou que o Goberno autonómico destina anualmente uns 12 millóns de euros ao eido do viño a través de diversas liñas de apoio
Meaño (Pontevedra), 17 de xullo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na inauguración da XXV Festa do Viño de Meaño, na que amosou o seu apoio ao sector vitivinícola e ás iniciativas que, como este evento, dinamizan a economía das contornas rurais da comunidade.
Acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; e polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; Gómez destacou na súa intervención a importancia desta festividade como unha celebración que tamén xera cohesión social nestas zonas.
Así, explicou que o sector vitivinícola é fundamental para xerar emprego e manter vivo o territorio, e puxo en valor a aposta do Goberno galego por apoiar este tipo de iniciativas que contribúen ao desenvolvemento e a dar visibilidade ao rural. Ademais, sinalou que dende a Xunta se seguirá acompañando a profesionais deste sector, ás adegas e a todas aquelas iniciativas que salientan o patrimonio.
Continuou poñendo de relevo o percorrido histórico desta festa e o traballo detrás dela en cada edición. En concreto, este ano participaron 22 adegas do municipio mostrando o seu traballo, compartindo os seu viños, e, como indicou a conselleira, demostrando por que o Val do Salnés é unha das grandes referencias do albariño e da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Por último, agradeceu a incorporación dos novos cabaleiros e damas das confrarías do viño, e recoñeceu a todas as persoas que representan ese orgullo por defender a cultura vitivinícola e por impulsar o viño galego.
Axudas ao sector vitivinícola
Cómpre salientar o apoio do Goberno galego ao sector vitivinícola, ao que anualmente se destinan uns 12 millóns de euros a través das axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo; de transformación e comercialización de produtos vitivinícolas; de promoción en terceiros países e a liña para a conservación paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, entre outros apoios.