Medio rural recomenda intensificar a vixilancia ante o incremento da presenza de defoliadores do millo
A Consellería lembra que a detección de masas de ovos e de larvas de primeiros estadios é o momento no que as medidas de control son máis eficaces e que, de ser necesaria unha intervención fitosanitaria, deberán empregarse produtos autorizados
Segundo os datos obtidos nas últimas revisións das 159 trampas de feromona da rede de seguimento da Xunta, observouse unha elevada actividade de voo de Spodoptera exigua en Galicia, especialmente na provincia da Coruña e en menor medida na de Lugo
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2026
A Consellería do Medio Rural recomenda a profesionais da agricultura e a gandaría intensificar a vixilancia das parcelas de millo ante o incremento das postas e da presenza de larvas das principais eirugas defoliadoras que afectan este cultivo, confirmado polas elevadas capturas rexistradas nas últimas semanas na rede de trampeo da Xunta.
A Consellería realiza o seguimento das principais eirugas defoliadoras que afectan ao cultivo do millo mediante unha rede de 159 trampas de feromona distribuídas polas principais comarcas produtoras de Galicia. Esta rede permite coñecer a evolución da actividade de voo dos adultos de Spodoptera exigua (verme soldado) e Mythimna unipuncta (verme defoliador do millo e das gramíneas), facilitando a emisión de avisos fitosanitarios e a adopción das medidas de seguimento e control máis axeitadas.
Consonte este seguimento, Medio Rural lembra que a detección de masas de ovos e de larvas de primeiros estadios é o momento no que as medidas de control resultan máis eficaces. Por iso, no caso de ser necesaria unha intervención fitosanitaria, a Consellería recorda tamén que deberán empregarse exclusivamente produtos autorizados para o cultivo e a praga, consultando previamente o Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), xa que as autorizacións poden modificarse.
Na actualidade, as materias activas autorizadas para o control de Spodoptera exigua en millo son as seguintes: Clorantraniliprol; Clorantraniliprol + lambda cihalotrin; Cipermetrin; Deltametrin; Lambda cihalotrin; Spinosad e Teflutrin.
Recoméndase realizar os tratamentos sobre larvas de primeiros estadios, alternando materias activas con diferente modo de acción para reducir o risco de aparición de resistencias e respectando sempre as doses, condicións de uso, prazos de seguridade e demais indicacións recollidas na etiqueta do produto fitosanitario.
Últimas revisións da rede de seguimento
Segundo os datos obtidos nas últimas revisións das trampas de feromona da rede de seguimento, observouse unha elevada actividade de voo de Spodoptera exigua en Galicia, especialmente na provincia da Coruña. As capturas máis importantes rexistráronse nos concellos de Mazaricos (800 e 50 adultos por trampa, respectivamente), A Baña (500), Rois (300), Santa Comba (280 e 90) e Zas (90), evidenciando unha intensa actividade da especie nestas zonas.
Na provincia de Lugo tamén se confirmou a presenza de Spodoptera exigua en numerosos puntos da rede de seguimento. Nas últimas revisións rexistráronse capturas en Outeiro de Rei, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Taboada, Chantada, Portomarín, Castroverde, Lugo e Paradela, con valores comprendidos entre 2 e 50 adultos por trampa, sendo as capturas máis elevadas as rexistradas en Guntín (50), Friol (30 e 24), Castroverde (26 e 24), Monterroso (25), Antas de Ulla (21) e Palas de Rei (20 e 18).
A rede de seguimento continuará operativa durante as próximas semanas para avaliar a evolución das capturas e emitir novos avisos fitosanitarios no caso de detectarse cambios significativos na actividade da praga.