O Servizo Galego de Saúde publica a resolución do concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de enfermeiro especialista en enfermería xeriátrica
Resultan nomeadas como persoal estatutario fixo na categoría de enfermeira especialista en xeriatría 5 profesionais do Servizo Galego de Saúde
Tres delas terán como destino a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e dúas a área sanitaria de Vigo
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolve o concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de enfermeiro especialista en enfermaría xeriátrica.
O decreto polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista establece un procedemento específico de acceso á categoría de enfermeiro especialista nos termos previstos no Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde e no decreto de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.
Para estes efectos, o decreto establece a realización dunha convocatoria diferenciada para o acceso, polo sistema de concurso, á categoría e prazas de enfermeiro especialista, aberta ao persoal diplomado ou graduado universitario de enfermería con vínculo de fixeza que desempeñe ou desempeñase no Servizo Galego de Saúde as funcións propias de cada especialidade e acredite o título da correspondente especialidade de enfermería.
Logo de convocar o concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista en xeriatría, e tras recibir as propostas coas aspirantes seleccionadas realizadas polas comisións avaliadoras, declárase finalizado o dito proceso.
Así, noméase como persoal estatutario fixo na categoría de enfermeira especialista en xeriatría a cinco profesionais do Servizo Galego de Saúde que xa tiñan vínculo fixo como persoal de enfermería. Tres delas terán como destino a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e dúas a área sanitaria de Vigo
As aspirantes nomeadas poderán solicitar o pase á situación de excedencia por prestación de servizos no sector público na categoría de orixe.
En vindeiras datas publicarase a resolución pola que se resolverá o concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de médico de hospitalización a domicilio.