A Xunta licita por preto de 130.000 euros as obras de humanización de espazos públicos nos núcleos rurais de Loureiros e Xora, no concello de Coirós

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación ao abeiro do Plan Hurbe, establecendo un prazo de presentación de ofertas que rematará o 18 de agosto

A través deste contrato executaranse as obras precisas para a mellora do estado do firme das vías deste dous  lugares da parroquia de Santa María de Ois

O Goberno galego asumirá o 70% do orzamento, contratará e executará as obras; e o Concello aporta o 30% restante do investimento e corresponderalle o mantemento

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou esta semana por un importe de 128.829,85 euros as obras de humanización de espazos públicos nos núcleo rurais de Loureiros e Xora, na parroquia de Santa María de Ois, no concello de Coirós.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que rematará o vindeiro día 18 de agosto.

A través desta actuación, impulsada ao abeiro do Plan Hurbe, executaranse as obras necesarias para a mellora do estado do firme das vías dos lugares de Loureiros e Xora, incluíndo entre as intervencións a renovación dos pavimentos das vías, a posta a nivel das tapas con formigón e a  limpeza de drenaxes lonxitudinais. Os traballos contarán un prazo de execución de catro meses.

Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración asinado o pasado mes de maio entre a Xunta e o Concello de Coirós. A través deste convenio, o departamento que dirixe María M. Allegue cofinanciará nun 70% a actuación, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello coruñés achegará o 30% restante e corresponderalle o mantemento e conservación das obras realizadas.

A Xunta aposta a través do Plan Hurbe pola colaboración cos concellos na mellora de contornas urbanas dos municipios galegos e nos equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Data de actualización: 26/07/2026