A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións da base aérea de Queimadelos, situada no concello pontevedrés de Mondariz

María José Gómez destaca a aposta polo reforzo da dotación de medios aéreos dependentes da Xunta

Lembrou que mañá mesmo estará operativo un novo avión de coordinación e vixilancia, o ‘Xunta 23 ACO’, o primeiro deste tipo co que contará a comunidade, e que se suma aos dous helicópteros de coordinación xa existentes

Ademais desta aeronave de coordinación, a Xunta vén de contratar dous novos avións de carga en terra e un helicóptero pesado

Este compromiso implica un aumento do orzamento destinado a este eido, que no ano 2026 ascende ata os 19,56 millóns de euros, cun incremento de 3,7 millóns en relación co exercicio anterior

Mondariz (Pontevedra), 31 de xullo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou a base aérea de Queimadelos, situada no concello pontevedrés de Mondariz, onde destacou a aposta da Xunta de Galicia por reforzar a dotación de medios aéreos empregados na extinción de incendios forestais.  

Durante o seu percorrido polas instalacións, no que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e polo equipo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), do que destacou o seu labor, lembrando ademais que hoxe mesmo se conmemora o Día Internacional dos Axentes Ambientais, unha data de referencia na que poñer en valor o traballo do dispositivo galego.

Ademais, a conselleira lembrou que mañá mesmo estará operativo un novo avión de coordinación e vixilancia, o primeiro deste tipo co que contará a comunidade. O avión ‘Xunta 23 ACO’ estará situado na base aérea Verín-Oímbra, a primeira transfronteriza entre España e Portugal, inaugurada en verán de 2024 e que xa conta con dous avións de carga en terra. Así, a incorporación desta aeronave de coordinación e vixilancia únese aos dous helicópteros xa existentes para este cometido -situados en Silleda e Portomarín- e supón sumar unha novo medio encargado da coordinación cando hai unha acumulación de medios aéreos traballando.

Nese sentido, paralelamente ás tarefas de coordinación e vixilancia, dous técnicos encargaranse da realización de análise e avaliación continua do incendio, dando apoio ao persoal de terra. A incorporación deste medio supón a ampliación a posibilidade de cobertura e franxa de traballo, xa que dispón de ata 4 horas de autonomía.

Ademais, a Xunta vén de contratar dous novos avións de carga en terra e un helicóptero pesado. En total, son 24 os medios dependentes da Consellería do Medio Rural, aos que cómpre engadir os do Goberno central, sumando en global preto de 30. Este compromiso implica un aumento do orzamento destinado a este eido, que no ano 2026 ascende ata os 19,56 millóns de euros, cun incremento de 3,7 millóns en relación co exercicio anterior. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026