A conselleira do Medio Rural visitou o cebadeiro Inaga na localidade ourensá da Mezquita

María José Gómez reitera ao Goberno central que actúe para que se cumpra a lei da cadea alimentaria e se cubran os custos de produción

Considera tamén imprescindible que se establezan mecanismos máis áxiles de control de distorsións do mercado interior español causados polas importacións desde Mercosur ou outros países, e que se informe ás comunidades autónomas

Sinala que a Xunta é consciente da preocupación existente dentro do sector cárnico de vacún pola baixada de prezos que se está a vivir e advirte que desde o Goberno galego “permanecemos vixilantes ante esta situación”

A Mezquita (Ourense), 5 de agosto de 2026.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou hoxe de novo ao Goberno de España que actúe “de forma contundente” para que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e se garanta que se cubran os custos de produción. Nunha visita ao cebadeiro Inaga, na localidade ourensá da Mezquita, a conselleira lembrou que a Xunta leva tempo solicitando a aplicación de medidas, así como que se introduzan diferentes melloras na normativa, neste mesmo sentido.

Segundo Gómez, tamén é imprescindible se establezan mecanismos máis áxiles de control de distorsións do mercado interior español causados polas importacións desde Mercosur ou outros países, e que se dea conta ás comunidades autónomas da información ao respecto.

Nesta visita, a titular de Medio Rural estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Gómez sinalou que a Xunta é consciente da preocupación existente dentro do sector cárnico de vacún pola baixada de prezos que se está a vivir e advertiu que desde o Goberno galego “permanecemos vixilantes ante esta situación”. En todo caso, puntualizou, cómpre ter en conta que os prezos en orixe descenderon respecto dos máximos históricos acadados a principios deste 2026, pero seguen sendo superiores aos do ano pasado por estas datas.

Produción de calidade

Sobre a empresa obxecto da visita, a conselleira lembrou que Inaga iniciou a súa actividade hai 25 anos vinculada á Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e hoxe segue apostando por unha produción de calidade amparada por este distintivo. Así mesmo, salientou o seu papel como provedora de importantes industrias cárnicas nacionais.

Ao tempo, Gómez subliñou que Inaga traballa desenvolvendo unha estrutura propia de integración e coordinación da produción, apostando por un modelo baseado na colaboración con explotacións gandeiras e cebadeiros integrados coma o visitado hoxe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2026