A Xunta adxudica por máis de 287.000 € a redacción do proxecto básico e de execución do novo centro de saúde de Mos
A infraestrutura sanitaria integrarase no complexo sociosanitario do Rebullón e incorporará unha área pediátrica específica
Ampliarase nun 65 % a superficie con respecto ao actual centro de saúde, ata superar os 2.700 metros cadrados
Disporá tamén dunha sala de lactancia, fisioterapia e unha sala de educación sanitaria para poder realizar programas de rehabilitación de solo pelviano
O investimento estimado pola Xunta para o novo centro superará os 4,7 M€
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica, no Portal de Contratos Públicos, a adxudicación, á empresa Ángel Jaime Santorio Cuartero, dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Mos, por un importe de 287.010 euros e un prazo de execución de un ano e catro meses.
O prazo de execución da redacción do proxecto básico é de mes e medio desde a formalización do contrato. Logo de aprobarse o proxecto básico, disporase de dous meses para a redacción do proxecto básico e de execución.
Unha vez que se dispoña do proxecto aprobado, o Executivo galego procederá a licitar unhas obras nas que a Xunta prevé investir 4,7 millóns de euros, co obxectivo de que se poidan iniciar no primeiro trimestre de 2027.
O novo centro de saúde que construirá a Xunta no concello de Mos disporá de dúas plantas cunha superficie útil total de 2.740 metros cadrados, o que supón un incremento do 65 % en comparación co actual.
Plan funcional
O novo centro de saúde permitirá habilitar espazos propios para o servizo de pediatría, con dúas consultas de medicina, dúas de enfermería pediátrica e, como novidade, unha sala de lactancia e outra polivalente para posibles necesidades de uso exclusivo por pacientes respiratorios.
Na área médica, contarase con 11 consultas de medicina de familia (dúas máis que o actual), 11 de enfermería (dúas máis), unha de matronas, unha de farmacia, un novo despacho de traballo social, dúas salas polivalentes (unha máis, na que se realizarán ecografías, retinografías, electrocardiogramas ou espirometrías) e seis consultas de formación a residentes (dúas máis, co que se poderá aumentar a actividade docente con tres residentes MIR de medicina e tres EIR de enfermería).
No novo centro de saúde tamén se prevé unha nova sala de cirurxía menor, unha nova consulta de nutricionista, ademais dun ximnasio de fisioterapia ao incorporarse un profesional desta categoría.
Tamén se amplía a carteira de servizos na área da muller, xa que o plan do Servizo Galego de Saúde dispón dunha sala de educación sanitaria que servirá para realizar programas de rehabilitación de solo pelviano.
Na área de urxencias, que contará cunha sala de observación e unha de reanimación, habilitarase tamén unha nova sala de traballo de enfermería e dous vestiarios.