A primeira convocatoria do programa Talentgal recibe 313 candidaturas de investigadores excelentes procedentes de 52 países
Os científicos que presentaron solicitude optan aos primeiros 20 contratos en centros galegos de investigación
A resposta acadada na primeira convocatoria confirma o interese internacional que esperta o programa e posiciona a Galicia como destino cada vez máis competitivo
Por continentes, o maior número de solicitudes procede de Asia, seguida de Europa, América e África
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2026
A primeira convocatoria do programa Talentgal da Xunta de Galicia recibiu 313 candidaturas de investigadores excelentes de 52 países para traballar en centros galegos. O persoal investigador con traxectoria internacional que se presentou a este proceso de captación lanzado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP opta aos 20 contratos de excelencia na Rede CIGUS, que agrupa a dez centros de investigación da nosa Comunidade. As solicitudes presentadas acreditan 52 nacionalidades neste primeiro proceso de captación do programa do Goberno galego que busca atraer talento investigador e reforzar así a nosa I+G+i.
A elevada participación confirma o interese internacional que esperta esta iniciativa e posiciona a Galicia como un destino cada vez máis competitivo para desenvolver unha carreira investigadora de alto nivel. Esta cifra constitúe un importante aval para un programa que a Xunta pon en marcha por primeira vez e que obtén unha resposta moi positiva para o ecosistema de I+D+i galego.
O carácter internacional da convocatoria reflíctese tamén na procedencia do persoal investigador solicitante: das 313 candidaturas presentadas, 282 corresponden a investigadores doutros países diferentes a España. Por continentes, Asia concentra o maior número de candidaturas, con 141 solicitudes (45%); seguida de Europa, con 89 (28%); América, con 47 candidaturas (15%) e África, con 36 peticións (12%). Por ámbitos científicos, Ciencias e Ciencias da Vida rexistrou a maior parte das candidaturas desta convocatoria, con 172 solicitudes (55%). En segunda posición, Enxeñaría e Tecnoloxía, con 99 solicitudes (31,6%) e, en terceira, Saúde e Biomedicina, con 42 solicitudes (13,4%).
Incorporación á Rede CIGUS en marzo de 2027
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o programa entra agora na fase de avaliación das candidaturas, que se desenvolverá conforme aos criterios e ao procedemento establecidos nas bases da convocatoria, garantindo un proceso competitivo e transparente, baseado na excelencia científica. Para garantir a máxima calidade neste proceso, Talentgal puxo en marcha unha convocatoria específica para incorporar persoal avaliador externo, que permanecerá aberta durante toda a duración do programa. Na actualidade, este rexistro conta xa con case 500 persoas avaliadoras, especialistas en diferentes áreas de coñecemento, cuxos perfís están en proceso de validación.
O proceso de avaliación desta primeira convocatoria está previsto que remate a finais de 2026, de maneira que os 20 seleccionados poidan incorporarse aos centros da Rede CIGUS a partir de marzo de 2027.
A segunda convocatoria deste programa está prevista para maio de 2027, co mesmo proceso de avaliación e execución para outros 20 contratos de excelencia en centros de investigación galegos, é dicir, 40 en total entre as dúas convocatorias. Precisamente o pasado mes de xuño, a Xunta avanzou en Consello que achegará máis de 9 M€ ás universidades galegas e á Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) para a contratación dos 40 investigadores internacionais de alto nivel que traballarán en centros galegos a través do programa Talentgal. Este proxecto, que é posible grazas ao programa europeo Marie Sklodowska-Curie (MSCA) Cofund, supón un novo fito para a Galicia Calidade. Os investigadores que opten aos contratos na Rede CIGUS poderán centrar as súas investigacións en áreas clave para Galicia como biotecnoloxía, medicina, química, nanomaterialese, TIC, enxeñería ambiental ou ciencias mariñas e físicas.
Rede CIGUS
A Rede CIGUS está conformada por 10 centros de investigación das tres universidades galegas e conta con máis de 1.600 investigadores. Baixo esta marca, a Xunta financia, visibiliza e vertebra a investigación universitaria de excelencia. De feito, nos últimos cinco anos logrou captar máis de 221 M€ en proxectos competitivos, o que supón un notable retorno económico nunha rede á que a Xunta destinou case 68 M€.
Os centros CIGUS son cinco por parte da USC: o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Na UDC son o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA); e por parte da UVigo suman tres: o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO).