Medio Rural reivindica a calidade diferenciada como sinal de identidade do agro galego na Festa do Pemento da Arnoia

A Arnoia (Ourense), 31 de xullo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, reivindicou hoxe o papel da calidade diferenciada como un dos principais sinais de identidade do agro galego durante a inauguración da XLVII Festa do Pemento da Arnoia. No acto tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Yago Borrajo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Alemparte destacou que esta cita, declarada Festa de Interese Turístico, constitúe un dos principais escaparates para dar a coñecer un produto emblemático amparado pola IXP Pemento da Arnoia. Neste contexto, salientou que os selos de calidade diferenciada non só certifican a orixe, a autenticidade e a excelencia dos produtos, senón que tamén protexen o patrimonio agroalimentario galego, fortalecen a identidade dos territorios, crean valor para as persoas produtoras e ofrecen aos consumidores a confianza de adquirir alimentos cunha orixe e unha calidade garantidas.

O director lembrou ademais que o Pemento da Arnoia forma parte dun grupo único de produtos hortícolas galegos con calidade diferenciada. Xunto coa Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón e coas Indicacións Xeográficas Protexidas Pemento de Mougán, Pemento do Couto e Pemento de Oimbra, conforma as cinco figuras de calidade diferenciada do pemento existentes en España. Segundo destacou, esta realidade converte a Galicia nun referente na produción de pemento de calidade diferenciada e evidencia a riqueza agronómica da comunidade, así como a súa aposta por un modelo de produción baseado na calidade, na diferenciación e na estreita vinculación co territorio.

Alemparte puxo tamén de relevo que Galicia conta con 36 selos de calidade diferenciada, entre denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, aos que se suman a produción ecolóxica certificada e a Artesanía Alimentaria. Un modelo que contribúe a xerar valor engadido, dinamizar o rural e ofrecer ao consumidor alimentos auténticos, con identidade e plenamente vinculados ao territorio.

Data de actualización: 31/07/2026