O presidente da Xunta participou no Capítulo Serenísimo da LXXIV edición da Festa do Albariño de Cambados
Rueda destaca o sector do viño como motor económico, turístico e cultural “do que sentirnos orgullosos”
“Agradezo o seu esforzo e a súa implicación a todo o mundo do viño do Salnés e do resto de Galicia: desde os viticultores, os adegueiros, os hostaleiros ou toda a industria que xira ao redor do enoturismo que nos ten que dar enormes alegrías”, indicou
Felicita ás novas Donas e Cabaleiros do Albariño distinguidos nesta edición, aos que lembrou a súa misión de defender o Albariño en calquera lugar do mundo
Cambados (Pontevedra), 2 de agosto de 2026
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe nos actos da LXXIV Festa do Viño do Albariño de Cambados, a cita vitivinícola máis antiga de Galicia e declarada de Interese Turístico Internacional, onde reivindicou o sector vitivinícola como un verdadeiro motor económico, turístico e cultural “do que sentirnos orgullosos”.
“Hai que promocionar as cousas que facemos aquí, que son moitas, e non se me ocorre mellor xeito de facelo que esta Festa do Albariño, para falar dos nosos viños brancos de esta DO”, indicou, ao mesmo tempo que estendeu este saber facer a toda a comunidade; “temos magníficos viños en toda Galicia e magníficas festas que o promocionan”.
Neste sentido, cabe salientar que a Denominación de Orixe Rías Baixas é a máis importante en volume da comunidade e unha das súas principais tarxetas de visita no exterior, polo que puxo en valor o traballo diario de preto de 5.000 viticultores e 177 adegas que fan posible este éxito. “Agradezo o seu esforzo e a súa implicación a todo o mundo do viño do Salnés e do resto de Galicia: desde os viticultores, os adegueiros, os hostaleiros ou toda a industria que xira ao redor do enoturismo que nos ten que dar enormes alegrías”, indicou.
Así, reiterou o apoio do Goberno galego a un sector de enorme relevancia polo seu impacto económico na creación de emprego, o seu papel social á hora de fixar poboación e a súa vertente cultural ligada ás tradicións e ao patrimonio galego.
Alfonso Rueda tamén aproveitou para felicitar ás novas Donas e Cabaleiros do Albariño distinguidos nesta edición, aos que lembrou a súa misión de defender o Albariño en calquera lugar do mundo. Nesta ocasión o título recaeu na conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; a presidenta do Real Club Celta de Vigo, Marián Mouriño; o alcalde de Ribadumia e director da adega Pazo Cilleiro, David Castro; o cirurxián Diego González Rivas e o embaixador de China en España, Yao Jing.