Román Rodríguez destaca a excelencia dos tres novos investigadores que se unen a centros galegos grazas ao programa Oportunius
Coa incorporación destes tres científicos, xa son 28 os contratados pola Xunta no marco desta iniciativa
O conselleiro de Ciencia agradeceulles nunha recepción oficial que elixan Galicia para facer investigación de alto nivel e destacou que son un piar para a I+G+i
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou a excelencia dos tres novos investigadores que continuarán a súa traxectoria en centros galegos grazas ao programa Oportunius. Marco Armiero é o novo contratado Oportunius no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) na Universidade de Santiago (USC), César Cabrera incorpórase ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) na USC e Sara Abalde ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), tamén da USC. “Agradecemos que elixades a nosa Comunidade para facer investigación de alto nivel. Sen dúbida, o talento investigador é un piar fundamental para a I+G+i e vós sodes un magnífico exemplo”, expresou o titular de Ciencia na recepción que tivo lugar esta mañá en San Caetano.
Coa incorporación destes tres novos científicos, son xa 28 os investigadores Oportunius contratados pola Xunta e que traballan en centros de investigación das tres universidades públicas galegas. A Xunta de Galicia afianza así o seu compromiso de dar oportunidades a científicos de alto nivel para que traballen desde aquí e contribúan a reforzar a nosa I+G+i. Estes 28 científicos con contrato de Persoal Investigador Distinguido forman parte dos 45 que reciben axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) do programa Oportunius, como explicou no encontro de hoxe o conselleiro, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e o director do CiQUS, Diego Peña.
Carreiras con gran recoñecemento
Marco Armiero, historiador ambiental de nacionalidade italiana, xa está integrado no CISPAC, no que desenvolve unha investigación sobre a Igrexa Católica e o Medio Ambiente, proxecto para o que recibiu unha axuda Advanced Grant do ERC de 2,5 M€. Este científico de extensa traxectoria internacional traballaba na Universidade Autónoma de Barcelona cando decidiu apostar polo centro interuniversitario compartido entre as tres universidades públicas galegas.
César Cabrera, de nacionalidade mexicana, desenvolvía a súa investigación na Universidade de Hamburgo cando optou por unirse ao IGFAE, centro mixto da USC e a Xunta. Este físico experimental recibiu unha ERC Starting Grant en 2025 e conta cun financiamento de 1,9 M€ ata febreiro de 2031. No IGFAE arrincou xa o seu traballo e levará a cabo o seu proxecto Dipolar SF, cuxo obxectivo é construír un simulador cuántico para comprender como interaccionan moitos átomos entre sí e como esa relación pode dar lugar a novos estados da materia que poderían inspirar futuras tecnoloxías cuánticas.
En canto a Sara Abalde-Cela, que se une ao CiQUS da USC, ata agora desenvolvía a súa investigación no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) de Braga (Portugal). Conta cunha ERC Consolidator Grant dotada con 1,9 M€ ata xullo de 2031. A súa incorporación ao CiQUS ten como obxectivo consolidar un programa científico interdisciplinar que combine química, bioloxía e materiais avanzados para impulsar a investigación en cancro e medicina personalizada.
Investigadores retidos, retornados e atraídos
Dos 28 investigadores Oportunius contratados na actualidade, nove (o 32%) escolleron Galicia para desenvolver a súa carreira investigadora, oito (o 29%) retornaron á Comunidade logo de traballar noutros países e 11 (o 39%) apostaron por continuar a súa traxectoria en centros de investigación galegos, 22 deles nos pertencentes á rede de centros da Xunta que promove a excelencia científica, a Rede CIGUS.
O programa Oportunius é clave para xerar, atraer e reter talento nos nosos centros de investigación e para a captación de fondos ERC, pois todos os investigadores contratados reciben axudas deste órgano, que son as de maior prestixio no ámbito comunitario. “O programa Oportunius é fundamental para que científicos galegos, doutras comunidades autónomas e doutros países escollan Galicia para consolidar unha traxectoria científica excelente, apostando por unha contorna profesional atractiva e calidade de vida”, expresou o conselleiro.